A mesa sectorial de educación analizou o proxecto de decreto que regulará a formación profesional

A proposta adapta os ciclos ás necesidades e demandas da sociedade galega, tanto no relativo aos estudos como á mellora das competencias
Mar, 23/02/2010 - 19:31

A mesa sectorial docente non universitaria analizou hoxe o novo decreto polo que se establece a ordenación xeral da Formación Profesional no sistema educativo para Galicia. Este proxecto presenta as novidades adaptadas ao actual sistema educativo, que ata o de agora non se axustaban á Lei Orgánica de Educación (LOE).

O proxecto de decreto presentado por Educación ten como obxectivo poñer a disposición dos estudantes ofertas formativas que os cualifiquen para dar resposta ás necesidades do tecido produtivo galego. Deste xeito favorécese ademais a inserción laboral de persoal cunha ampla proxección profesional. Estes profesionais contarán ademais con amplos coñecementos en prevención de riscos laborais,e  coas competencias necesarias para traballar nas óptimas condicións de seguridade e de saúde.

A proposta incide tamén na necesidade de fomentar o espírito emprendedor entre os estudantes, nos que se desenvolverá ademais unha identidade profesional que os leve a interesarse por unha aprendizaxe continua, adaptándose á evolución dos procesos produtivos e ao cambio social.

Neste sentido, destaca a organización dos módulos en unidades formativas de menor duración que os orixinais, co fin de facilitar a aprendizaxe permanente dos estudantes, cunha maior flexibilidade que permita compatibilizala co ámbito laboral.

Ademais, o alumnado de FP poderá obter a equivalencia dos módulos cursados en créditos ECTS (European Credit Transfer System) e ECVET (European Credit system for Vocational Education and Training). Deste xeito, foméntase a mobilidade entre os ciclos formativos e o ensino universitario, outra vía para impulsar a formación ao longo da vida.

Linguas estranxeiras

O proxecto de decreto presentado hoxe incorpora as linguas estranxeiras á FP, de tal forma que algúns dos módulos profesionais dos ciclos formativos pasarán a impartirse nesas linguas, principalmente en inglés.

Así mesmo, a Consellería de Educación vai promover accións para mellorar as competencias lingüísticas do alumnado de formación profesional, co fin de favorecer a súa inserción laboral e a competitividade dos sectores produtivos.

Ademais dos idiomas, a Consellería adáptase á realidade actual coa incorporación das Tecnoloxías da Información e da Comunicación en todos os ciclos formativos, dun modo transversal e a través de actividades de ensino e aprendizaxe.