Os museos da Consellería de Cultura e Educación preparan o seu Día Internacional cun amplo programa de actividades para todos os públicos

O Museo de Belas Artes da Coruña, o das Peregrinacións de Santiago, o do Mar de Galicia, o do Castro de Viladonga, o Massó, o Arqueolóxico Provincial de Ourense, o Etnolóxico de Ribadavia e o CGAC celebran obradoiros, visitas guiadas e actuacións musicais en toda Galicia

A celebración, que este ano se enmarca no lema “Museos nun mundo cambiante. Novos retos, novas aspiracións”, complétase coa programación da Noite dos Museos

Mar, 15/05/2012 - 13:35

Os museos dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria preparan estes días unha ampla programación de actividades para celebraren o Día Internacional dos Museos, o 18 de maio, coas que convidan a grandes e pequenos a coñeceren as súas instalacións dun xeito didáctico e entretido. O lema deste ano no que se enmarcan estas iniciativas é Museos nun mundo cambiante. Novos retos, novas inspiracións, co que se busca valorizar a posición dos museos na nova sociedade, incorporando os seus retos ao labor que veñen desenvolvendo.

Son cinco os temas propostos este ano arredor deste lema, nomeadamente o papel dos museos na nova sociedade, grazas á educación –que os converte en testemuñas do pasado para as xeracións futuras–, a achega destes centros ao desenvolvemento sostible e á redución do seu impacto no medio ambiente, a construción do futuro aprendendo do pasado, a era dos novos medios de comunicación e a tarefa de adaptarse aos tempos actuais innovando.

Portas abertas á música e á maxia na Coruña

En total, oito museos das catro provincias galegas realizarán diversas actividades estes días  que se completarán o vindeiro 19 de maio coas organizadas para a celebración europea da Noite dos Museos.

O Museo de Belas Artes da Coruña celebra o Día Internacional dos Museos cunha xornada de portas abertas e coa programación de visitas guiadas extraordinarias que, baixo o título Obras con historia, aproximará os visitantes á historia particular das obras da colección permanente do museo, desde que foron creadas ata que chegaron a este espazo. Os percorridos comezarán, cada media hora, a partir das 17.30 ata as 19.30 horas.

O día 19, co gallo da Noite dos Museos, o centro de Belas Artes abrirá de forma excepcional desde as 20 ata as 24 horas, para que o público poida gozar de actividades como Arte en familia, obradoiro para familias con nenos a partir de 5 anos –de 19.00 a 20.30 horas-;  Jazz no museo, concerto a cargo do grupo Friktone –a partir das 21 horas–; e Visitas máxico-guiadas, coa participación do mago Martín Camiña –entre as 22.30 e as 23.15 horas–.

Contacontos, visitas guiadas dramatizadas e concertos en Santiago

Pola súa parte, o Museo das Peregrinacións de Santiago de Compostela celebra tres xornadas de portas abertas, os días 15, 16 e 18 de maio para o público en xeral, con visitas conducidas polos técnicos para coñecer as áreas internas do centro, ás 10.30, 11.30 e 13.30 horas. Ademais, e xa de cara aos escolares, haberá sesións de contacontos o día 22 e mais  visitas guiadas dramatizadas por actores o día 25 de maio.

No Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), tamén na capital de Galicia, arrinca o propio día 18 unha nova edición do ciclo de concertos Música e arte. Correspondencias sonoras, con A inspiración da luz, ás 22.45 horas. Será o comezo desta proposta na que compositores de prestixio transitarán polas exposicións do CGAC, dialogando coa arte, e que dará orixe a catro concertos máis, con trece estreas absolutas e diversas actividades paralelas.

Recreación histórica en Viladonga

O Museo do Castro de Viladonga, en Lugo, adiantou as celebracións aos días 14, 15, 16 e 17 de maio, con contacontos dirixidos a escolares de infantil e primaria ás 10.30 e 12 horas; para pechalas coa actuación do home orquestra César Freiría Prado, coñecido como ‘Cé Orquestra Pantasma’. O artista deleitará o alumnado de infantil e primaria o día 18 en pases ás 10.30 ás 12 e ás 17.30 horas.

Xa para a Noite dos Museos, a partir das 18 horas, este centro organiza unha exposición fotográfica e a proxección de varios documentais arqueolóxicos. Ademais, realizaranse xogos populares no xardín, a cargo do club de bolos O Cadaval,coa actuación do grupo de música tradicional Os Valuros, e actividades de reacreación histórica a cargo das asociacións Lugdunum e Caetra Lucensivum. Ás 19.30 horas comezará o recital de guitarra clásica de Xosé María Hinojo, seguido da celebración dun refrixerio no xardín, que rematará cunha visita nocturna ao castro, a partir das 22.45 horas.

Novas tecnoloxías e arte en Ourense

O Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense (MAPOU) comeza as súas actividades o día 16 ás 12.30 horas coa charla didáctica Tres perspectivas da comunicación no pasado, na sala de exposición de San Francisco, dirixido a estudantes de 2º de bacharelato. Trátase dunha actividade coa que se busca amosar tres xeitos de comunicación doutros momentos históricos –comercio no Mundo antigo, a forma da imaxe na escultura románica e a comunicación escrita a través de selos e documentos–, que contrastan co contexto do século XXI, pero que tamén explican e achegan unha orixe á nosa forma de relacionarnos.

Para o Día dos Museos, o venres 18, está prevista unha visita guiada dos socios do Ateneo ao edificio e ás escavacións da sede principal (Pazo do Bispo), así como a presentación da Peza do mes, na sala de exposición permanente no convento de San Francisco, a partir das 20:00 horas. Trátase, nesta ocasión, do Camafeo das Burgas, do que se amosarán detalles que foi posible descubrir grazas á utilización das novas tecnoloxías. Por outra banda,  realizarase unha reconstrución virtual desta peza empregando técnicas de animación e modelado 3D para recrear mediante animación de imaxe de síntese e material fotográfico o proceso de fabricación e explicar as súas peculiaridades.

Ademais, co motivo do Día Internacional dos Museos, o MAPOU edita un marcapáxinas coa imaxe desta peza como agasallo aos visitantes, que contén un vínculo para conectarse desde teléfonos móbiles ao web do museo.

Pola súa banda, o Museo Etnolóxico de Ribadavia (Ourense) centra a súa programación nos escolares, con dúas actividades. A primeira delas consiste en dous concertos didácticos a cargo de Lois Mariño, para 100 estudantes de 5º e 6º de primaria do CPI Tomás de Lemos. Os recitais celebraranse o día 16 e buscan divulgar entre as rapazas e os rapaces a música tradicional galega e os seus instrumentos. A segunda das actividades, dous concertos didácticos da percusionista Lorena Negreira, celebrarase o día 25 de maio. Nela participarán 50 estudantes de primaria do CEIP Carmen García Carrasco, que afondarán nas posibilidades do corpo humano como obxecto de percusión.

O mar, protagonista en Pontevedra

O Museo do Mar de Galicia, en Vigo, celebra esta festividade cunha xornada de portas abertas o día 18, tanto na propia sede do centro, como na Salinae, entre as 10.00 e as 14.00  horas. Ademais, na sede principal, poderase asistir ás 12 horas á sesión de alimentación dos animais do acuario, e ás 19 horas terá lugar a inauguración do espazo De Profundis.

Este centro tamén prepara actividades especiais para escolares, aos que se lles entregarán unidades didácticas de carácter científico e para os que haberá obradoiros específicos sobre o espazo De Profundis no propio museo, e sobre o mundo romano en Salinae; así como para as familias, durante a fin de semana

O Museo Massó de Bueu (Pontevedra) dedica a súa programación ao mariño Blas de Leza, cuxo diario de navegación, pertencente á travesía que realizou para reconquistar en 1733 acidade de Orán, forma parte da colección permanente do museo. Guiados por esta figura lendaria, os asistentes poderán gozar dun obradoiro interpretativo o día 18, co que descubrirán os grandes misterios da navegación e no que coñecerán o devandito diario de a bordo. Haberá catro oportunidades para facer esta viaxe: ás 11.00 e 12.15 horas dos sábados 19 e 26 de maio.

Este centro ten previsto, ademais, unha conferencia do xefe de sección de Patrimonio Naval Somerxido do Instituto de Historia y Cultura Naval de Madrid, Miguel Aragón Fontenla, sobre a figura de Blas de Lezo, o martes 23 ás 20 horas.

Menús News node R

Tema