Cultura e Educación pon á venda as entradas para o concerto “Anxos e demos” de Antonio Florio e a súa Cappella della Pietà de’ Turchini dentro do Galicia Classics

O Centro Cultural Novagalicia de Vigo acollerá o 20 de xuño este espectáculo arredor da ópera bufa e seria nos teatros napolitanos do século XVIII, para o que xa se poden adquirir os billetes a través da web www.servinova.com
O recital aprazado do baixo René Pape celebrarase finalmente o 19 de setembro en Santiago de Compostela
O Grupo Instrumental S. XX, dirixido por Florian Vlashi, protagonizará o 27 de maio en Betanzos a segunda cita do ciclo cun programa en lembranza do compositor galego Carlos López García-Picos
Lun, 14/05/2012 - 14:56
Cultura e Educación pon á venda as entradas para o concerto “Anxos e demos” de A
Cultura e Educación pon á venda as entradas para o concerto “Anxos e demos” de Antonio Florio e a súa Cappella della Pietà de’ Turchini dentro do Galicia Classics

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de abrir a venda anticipada de entradas para o concerto “Anxos e demos: a ópera bufa e seria nos teatros napolitanos do século XVIII”, que o recoñecido director Antonio Florio ofrecerá á fronte da súa Cappella Pietà de’ Turchini o vindeiro 20 de xuño no Centro Cultural Novagalicia de Vigo. As entradas para esta nova cita do ciclo Galicia Classics 2012 poden adquirirse desde hoxe na web www.servinova.com.

Antonio Florio e a súa laureada orquestra barroca, que interpreta instrumentos orixinais da época, chegan a Galicia cun espectáculo que ofrece un percorrido pola historia da ópera napolitana, co seu reparto de personaxes cómicos e serios, actores, castrati e prime donne reunido nun vertixinoso remuíño de arias e concertos. A soprano Valentina Varriale e o tenor Guiseppe de Vittorio acompañaranos na interpretación dun programa integrado por composicións dalgunhas das figuras máis destacadas da música europea do século XVIII, como Domenico Scarlatti, Leonardo Vinci, Nicola Fiorenza ou Niccolò Piccini, entre outros.

A famosa definición de Nápoles como “paraíso habitado por demos”, confirmada a principio do século XX por Benedetto Croce, inspira o título deste concerto que dá conta dunha época na que a cidade italiana era a verdadeira capital da ópera, como así testemuñaban todos os viaxeiros estranxeiros que se aventuraban ata ela. Con este programa, Florio e o seu conxuntoregresan a un escenario galego tres anos despois da súa interpretación da “Partépone” de Vinci, coa que participaron no Festival da Ópera da Coruña e pola que recibiron en 2010 o Premio Lírico do Teatro Campoamor de Oviedo á mellor nova produción.

Debut en Galicia

A presentación en Galicia do baixo René Pape será outra das citas ineludibles desta nova edición do programa Galicia Classics, inaugurado o pasado mes de marzo cun exitoso concerto do director venezolano Gustavo Dudamel xunto coa Sinfónica de Gotemburgo. O seu recital, inicialmente previsto para o mes de abril, adíase ao 19 de setembro en Santiago de Compostela como peche deste ciclo, que a Consellería de Cultura e Educación patrocina a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).

Considerado pola crítica como o máis destacado baixo cantante dos nosos días, René Pape subirá por vez primeira a un escenario galego para ofrecer unha completa liederabend con obras de Franz Schubert, Robert Schumann e Hugo Wolf, acompañado de Camillo Radicke ao piano.

Homenaxe a Carlos López García-Picos

Ademais, a Aula de Cultura de Betanzos acollerá o vindeiro 27 de maio o segundo concerto desta programación, no que o Grupo Instrumental S.XX que dirixe Florian Vlashi interpretará un programa en homenaxe e lembranza ao compositor betanceiro Carlos López García-Picos, falecido en 2009.

Organizado en colaboración cos Asociación Galega de Compositores, da que López García-Picos era socio fundador, este tributo consistirá na estrea de varias pezas dalgúns dos máis sinalados compositores galegos actuais a través das que se buscará establecer un diálogo coa obra do autor de Betanzos.