O secretario xeral de Cultura anima os máis novos a seguiren interesándose pola lingua e pola lectura en galego na entrega do Premio literario Frei Martín Sarmiento

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, estivo representada hoxe na entrega deste galardón de literatura infantil e xuvenil, que tivo lugar no marco da Festa da Lingua que promove Ferega-Ceca
A iniciativa congregou na Cidade da Cultura 600 escolares de educación primaria
Ven, 04/05/2012 - 18:00
O secretario xeral de Cultura anima os máis novos a seguiren interesándose pola
O secretario xeral de Cultura anima os máis novos a seguiren interesándose pola lingua e pola lectura en galego na entrega do Premio literario Frei Martín Sarmiento

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria representada polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, animou hoxe os máis pequenos “a seguiren interesándose pola lectura en galego e a participaren na promoción da lingua propia de Galicia”. Fíxoo durante o acto de entrega dos Premios Frei Martín Sarmiento nas tres categorías de primaria, que se celebrou hoxe no Museo de Galicia da Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela.

O acto de entrega destes galardóns enmárcase na Festa da Lingua, unha iniciativa que promove anualmente a Federación de Relixiosos do Ensino en Galicia (Ferega-Ceca) e que este ano congregou na Cidade da Cultura 600 escolares de educación primaria, entre onte e mais hoxe.

Precisamente, son os alumnos e alumnas os que resolven estes premios votando polas súas novelas favoritas. As obras gañadoras desta edición nas tres categorías de educación primaria foron As espiñas do porco espiño, de Abraham Carreiro, no primeiro ciclo; Xoa, de Antonio Yáñez, no segundo ciclo; e A filla do ladrón de bicicletas, de Teresa González, no terceiro ciclo.

O incremento constante da participación nesta celebración obrigou á organización a celebrar este ano a festa en varias localidades galegas, co fin de repartir o alumnado en distintas localidades. Ademais de en Santiago, a Festa da Lingua celebrouse en Ourense o 19 de abril e en Pontevedra o 24 do mesmo mes. Deste xeito, a iniciativa que impulsa a Federación de Relixiosos do Ensino en Galicia (Ferega-Ceca) en colaboración con Cultura e Educación reunirá na presente edición máis de 1.000 alumnos e alumnas de primaria de diversos centros de ensino pertencentes á federación.