Xesús Vázquez visitou as novas instalacións de dous centros de educación infantil e primaria en Mos, Pontevedra

As obras realizadas tiveron un orzamento superior os catro millóns e medio de euros

Ven, 19/02/2010 - 15:05
O conselleiro de Educación Xesús Vázquez visitando os centros de Mos
O conselleiro de Educación Xesús Vázquez visitando os centros de Mos

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, visitou hoxe as novas instalacións de dous centros de infantil e primaria en Mos, Pontevedra. Así, recorreu o CEIP Mestre Martínez Alonso, e viu de primeira man o resultado das obras de reposición efectuadas no centro, que tiveron un custe de 3.507.697,99 euros. Uns traballos que afectaron aos 3.300 metros cadrados do centro, que acolle a 74 alumnos e alumnas.

Posteriormente, o conselleiro descubriu unha placa conmemorativa nas novas instalacións deportivas do Antín-Cela, que se adaptou ao código técnico do Consejo Superior de Deportes, o que supuxo unha inversión de preto dun millón de euros.

A presenza do conselleiro no concello pontevedrés ten lugar despois de que fora recibida en San Caetano a alcaldesa de Mos, Nidia Mª Arévalo. Durante ese encontro Vázquez Abad mostrou o seu interese pola situación da educación no concello, das necesidades que este presentaba. Antes das visitas ao centros do concello pontevedrés o conselleiro e a alcaldesa mantiveron un encontro, e ao remate do mesmo Vázquez Abad dixo que “comprometémonos, a través dun plan bianual, a estudar e analizar a situación de mellora de catro centros en Mos. Serán a futura ampliación e a mellora das instalacións do CEIP Antín Cela; un novo espazo deportivo no CEIP Peña de Francia; e a ampliación dos comedores escolares en Sanguiñeda de Mos e Petelos. Todo isto en colaboración con outras institucións da Xunta de Galicia”.

Durante o seu recorrido por ambas instalacións, o titular de Educación da Xunta de Galicia destacou que “estas obras son unha demostración máis do noso compromiso por dar os mellores servizos aos estudantes, así como ao persoal docente, administrativo e auxiliar do centro”.

As novas instalacións

O CEIP Mestre Martínez Alonso é un edificio de tres plantas, divididas entre un semisoto no que esta situado o ximnasio, vestiarios, cociña e comedor, así como os cuartos de instalacións eléctricas e calefacción. Na planta baixa están seis aulas destinadas ao ensino de educación infantil, así como as zonas comúns, entre as que se inclúen unha sala polivalente, a de informática, a biblioteca e catro dependencias máis pequenas. Nesta altura tamén se sitúan as doce aulas para os alumnos e alumnas de educación primaria. Por último, no primeiro andar, estará a zona administrativa e os espazos destinados para o persoal docente, a asociación de pais e nais e a de alumnos.

As melloras do centro realizáronse seguindo liñas xerais de aplicación nas obras de todos os centros educativos, como son o uso de materiais resistentes pero de fácil reposición no caso dos compoñentes de obras externas e internas. Ademais o centro está orientado de modo que se aproveiten ao máximo os recursos de luz natural, sombra e fresco para as tempadas de calor, e sol para as de frío.

Ademais de ter unhas instalacións completamente actualizadas, cómpre lembrar que o 74% do alumnado do centro beneficiouse do programa “Gratuidade Solidaria” para libros de texto impulsado no presente curso polo actual goberno da Xunta. Un proxecto co que os estudantes poden recibir de forma gratuíta o material que precisen para o curso escolar, e que permanecerá na súa propiedade sen ter que ser devolto ao remate do mesmo.

Polideportivo do Antín Cela

Por outra banda o conselleiro descubriu unha placa conmemorativa no novo polideportivo do CEIP de Antín Cela. As instalacións están construídas a partir das indicacións da Dirección General de Infraestruturas Deportivas y Servicios do Consejo Superior de Deportes. Trátase dun módulo M3B, a través do cal os escolares do colexio terán un novo centro deportivo, que tamén poderán ser empregadas polo cidadáns de Mos.

As novas instalacións contan cun ximnasio que foi adosado ao centro escolar, e que dispón dunha pista para a práctica dos deportes e unha zona de vestiarios. O edificio, cunha superficie construída de máis de mil metros cadrados ten unha estrutura interior realizada en aceiro e cuberto por ladrillo visto. Cunha inversión de 949.332 euros, conta con todos os elementos de seguridade requiridos, así como unha construción sinxela que permite un fácil mantemento.

O conselleiro completou a xornada en Mos coa visita ao pavillón de deporte do CEIP Peña de Francia, onde estivo acompañado polo director, Jesús Calvo Hernández.

Durante a visita, o conselleiro estivo acompañado da delegada da Xunta de Galicia en Vigo, Lucia Molares; a concelleira de Educación, Julia Loureiro,  o xefe territorial de Educación, César Pérez Ares e o secretario xeral de Educación, José Luis Vázquez. Ademais dos directores dos CEIP Mestre Martínez Alonso e o Antín Cela; Gaspar Torres e Roberto Zapata Rodríguez respectivamente.