O director xeral de Educación destaca a importancia do inglés e as tecnoloxías da información e a comunicación na Formación Profesional

José Luis Mira Lema explicou nunha entrevista na TVG o avance da FP nos últimos 15 anos
Lun, 15/02/2010 - 21:29
José Luis Mira, director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación
José Luis Mira, director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación

O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación, Jose Luis Mira Lema, afirmou hoxe que "a capacitación en inglés, así como no uso das novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación, é imprescindible para a cualificación dos estudantes de Formación Profesional". Nunha entrevista no programa "Bos Días", da Televisión de Galicia, Mira Lema valorou positivamente o cambio experimentado pola FP nos últimos 15 anos, durante os que o número de matriculados foi aumentando progresivamente, superando este curso por primeira vez ao de estudantes que optan polo Bacharelato.

Boa parte deste éxito, explicou o director xeral de Educación, débese ao grao de empregabilidade dos ciclos de grao medio e superior. Deste xeito, sinalou que en ciclos como Mantemento de Servizos de Produción, Actividades Marítimo-Pesqueiras, Fabricación Mecánica ou Madeira e Moble, os estudantes se incorporan case de inmediato ao mercado laboral, logo de acadar a súa titulación. Neste factor incide, engadiu, o feito de "os empresarios deseñan coa Administración a FP, saben que se está a formar ao alumnado naquelo que lles vai resultar rendible como traballadores".

Con todo, Mira Lema lamentou que, nalgúns casos, se produzan conflitos de intereses entre titulacións universitarias e técnicas de FP, sendo ademais a vía dos estudos na Universidade a máis elixida e valorada aínda pola sociedade. En todo caso, o director xeral de Educación amosou a súa confianza no progreso da FP, xa que "as súas titulacións son tremendamente prácticas, os seus centros están moi ben dotados, e o profesorado é moi competente, co que os traballadores saen moi preparados. Trátase dun gran sistema de oportunidades" estacou.