Cultura e Educación leva a Silleda as actividades de dinamización do galego entre os máis novos da man de FalaRedes
O concello pontevedrés acolleu hoxe a actividade ‘Galego de cine’, no marco do novo programa de dinamización da Consellería para a Rede de Dinamización Lingüística
No seu primeiro mes de percorrido FalaRedes levou 33 actividades a 31 vilas galegas
Sáb, 14/04/2012 - 17:30
Valentín García naa actividade 'Galego de cine' en Silleda
Valentín García naa actividade 'Galego de cine' en Silleda

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria continúa a impulsar a dinamización da lingua galega entre os máis novos nos concellos integrados na Rede de Dinamización Lingüística a través das actividades organizadas no marco de FalaRedes. O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, asistiu hoxe en Silleda á actividade de Galego de cine, que xunto a Títerehope O Señor das Dunas, compón o programa de 250 actividades gratuítas coas que a Consellería procura crear espazos de uso e aprendizaxe da lingua galega vencellados ao lecer, á modernidade e aos intereses de todos os públicos. O fin é promover unha imaxe positiva do galego e sensibilizar sobre a utilidade e o valor do idioma propio de Galicia.

A caravana de Galego de cine viaxou hoxe a Silleda, onde deleitou a nenas e nenos de 6 a12 anos con curtas de animación en galego. Estes tiveron ocasión de participar, posteriormente, nunha serie de actividades que lles permiten ter un papel activo no seu achegamento ao cinema na nosa lingua. Os resultados deste traballo poden verse na canle de Youtube Galego de Cine. Cando finalice a viaxe da caravana polos concellos galegos farase un concurso no que se premiarán os mellores contos en galego contados ante a cámara por cada grupo de nenos e nenas participante na actividade. Cadaquén poderá votar polo seu favorito e os gañadores recibirán o libro-DVD O soldadiño de Chumbo.

Cómpre sinalar que estas actividades constitúen un importante complemento á oferta de programación de lecer dos concellos da Rede de Dinamización Lingüística, xa que as actividades se desenvolverán durante as fins de semana e festivos ata finais de ano, e que non lles suporán custo ningún.

FalaRedes percorre Galicia na fin de semana

As distintas actividades de FalaRedes continúan esta fin de semana a percorrer o territorio galego na fin de semana. Así, ademais de a Silleda, a caravana de Galego de cine chegou estes días ao Barco de Valdeorras, A Veiga, A Estrada e Taboada.

Pola súa parte, O Señor das Dunas recreou na area en Barreiros e en Vilalba os contos que despois puideron levar os pequenos ás súas casas no libro que recibiron como agasallo.

Con Títerehop, o rapeiro de Dios ke te crew, García MC, e mais os monicrequeiros de Viravolta uniron en Silleda, Santa Comba e Ribeira artes plásticas e música nun obradoiro dirixido a adolescentes de 13 a18 anos e centrado na cultura hip-hop, mozos que poderán ver os produtos da súa creatividade no canle de You Tube de Titerehop.

O calendario de actividades para as próximas semanas pode consultarse no enlace web http://www.xunta.es/linguagalega/calendario_falaredes_2012.

31 vilas percorridas durante o primeiro mes de FalaRedes

As 250 actividades que conforman este programa chegarán, desde o seu inicio o pasado mes de marzo e ata finais de ano, a un cento de concellos pertencentes á Rede de Dinamización Lingüística. Neste seu primeiro mes de andaina, desenvolvéronse un total de 33 actividades nos concellos de Boiro, Muíños, Ortigueira, Betanzos, Aranga, Pereiro de Aguiar, A Baña, Piñor, Forcarei, Outes, Xinzo de Limia, Sarreaus, Taboada, A Estrada, Silleda, A Veiga, O Barco de Valdeorras, Cotobade, Avión, Ponteareas, Melón, Ponte Caldelas, Ferrol, Boimorto, Arzúa, Barreiros, Vilalba, Cambados, Santa Comba, Ribeira e Silleda.