O conselleiro de Cultura e Educación salienta na inauguración da Mostra do Ensino 2012 a colaboración da comunidade educativa “que permitiu un descenso do 5,2% da taxa de abandono escolar no que vai de lexislatura”
Xesús Vázquez Abad salientou o papel deste evento, que se desenvolve en ExpoCoruña desde hoxe ata o 14 de abril, para dar a coñecer á sociedade o noso sistema educativo
Mér, 11/04/2012 - 10:30
O conselleiro de Cultura e Educación na inauguración da Mostra do Ensin
O conselleiro de Cultura e Educación na inauguración da Mostra do Ensino 2012

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, salientou hoxe a colaboración do conxunto da comunidade escolar a prol da mellora da calidade do ensino en Galicia, un esforzo diario que permitiu que a taxa de abandono escolar se teña reducido en Galicia un 5,2% no que vai de lexislatura. No acto de inauguración da Mostra do Ensino 2012, que se desenvolve en ExpoCoruña desde hoxe ata o 14 de abril, o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia agradeceu o traballo de docentes, inspectores de educación, equipos directivos e familias, e salientou que “é o labor conxunto de todos a que permite que esteamos a cumprir obxectivos”, como o que se vén de acadar no caso do abandono escolar.

Vázquez Abad salientou o papel da Mostra para que “os centros educativos, os verdadeiros protagonistas desta mellora da calidade, amosen á sociedade galega o sistema educativo. Para que os que están a piques de tomar unha decisión importante nas súas vidas, unha decisión que condicionará o seu futuro, sexan quen de facelo con toda a información nas súas mans”. “Para iso materializamos esta idea da Mostra, para que todas e todos saiban cales son as súas opcións, as súas alternativas e se decidan valorando todos os factores: as súas capacidades, as súas posibilidades, os seus gustos, para poder acertar”, engadiu.

O conselleiro agradeceu, neste sentido, a colaboración dos distintos organismos e entidades, entre eles o Concello da Coruña, representado no acto polo rexidor, Carlos Negreira, “que fixeron posible que este evento estea a dar comezo en inmellorables condicións”.

Así mesmo, salientou a calidade dos relatorio de recoñecido prestixio que participarán ata o día 14 no congreso Formación e Competencias na nova sociedade, que terá lugar de xeito paralelo á Mostra. Un encontro de expertos no que cada unha das catro xornadas estará dedicada a abordar, de xeito especializado e en profundidade, “cada un dos catro piares dun sistema educativo como o noso: moderno, excelente e de futuro”.

Obradoiros e actividades

Estudantes e docentes serán os actores principais desta Mostra do Ensino 2012, os encargados de desenvolver as actividades coas que darán a coñecer as diferentes opcións que ofrece o noso sistema educativo. A través dunha estrutura de 51 stands, e en máis de 11.000 m², a Mostra do Ensino achega á cidadanía iniciativas como o Plan de Potenciación das Linguas Estranxeiras, as Olimpíadas da Formación Profesional e a oferta educativas, desde o nivel de infantil ata o universitario.

Así, no recinto de ExpoCoruña instalouse unha aula Abalar na que alumnas e alumnos, coa colaboración dos seus profesores, amosarán a aplicación cotiá que se está a facer nos colexios e institutos das novas tecnoloxías da información e a comunicación á educación. Así mesmo haberá obradoiros na aula de información sobre o Plan de Emprendemento no Sistema Educativo de Galicia, eduemprende, nos que participarán emprendedores, unha técnica de emprego do Concello da Coruña e técnicos de Bic Galicia.

Ademais, os estudantes das diferentes familias da Formación Profesional darán a coñecer os contidos e a formación práctica que reciben nos ciclos que cursan, así como as posibles saídas profesionais dos mesmos.

Desta forma a Mostra do Ensino 2012 busca amosar as posibilidades da educación, da ensinanza e da Formación Profesional en Galicia, para orientar o alumnado e a sociedade en xeral sobre a oferta formativa da FP, ensinanzas deportivas, artísticas e universitarias na Comunidade Autónoma de Galicia; así como difundir as posibilidades da aprendizaxe permanente, a formación de adultos e a formación ao longo da vida. Así mesmo, daranse a coñecer cales son as ensinanzas máis demandadas polos sectores produtivos de Galicia, destacando ao tempo a importancia da cultura do emprendemento no noso alumnado.

Congreso

Doutra banda congreso Formación e competencias na nova sociedade, dirixido ao profesorado e aos profesionais do ámbito empresarial, abordará a través de conferencias e mesas redondas, os novos retos e as innovacións que, en diversas áreas da educación e da formación, se demandan nun mundo globalizado.

O congreso estrutúrase en catro xornadas, das que as tres primeiras, dirixidas ao profesorado, se centran na Formación Profesional, as Tecnoloxías da información e da comunicación e o ensino e aprendizaxe das linguas estranxeiras. A última xornada, a do día 14, será de portas abertas ao conxunto da cidadanía, e xirará arredor da Atención á diversidade a familia.

O programa completo de actividades e do congreso pode consultarse no enlace web http://www.mostradoensino.es/