Celebráronse as II Xornadas de Innovación Educativa: Innovando por Competencias no IES Universidade Laboral de Culleredo o 27 e o 28 de abril
Ven, 20/04/2012 - 13:00
II Xornadas de Innovación Educativa:Innovando por Competencias

Os días 27 e 28 de abril de 2012 tiveron lugar no IES Universidade Laboral de Culleredo (A Coruña) as II Xornadas de Innovación Educativa: Innovando por Competencias.

Os principais obxectivos desta actividade de formación organizada desde a Dirección Xeral de Formación Profesional e Innovación Educativa a través do Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI) son reflexionar sobre os retos que supoñen a ensinanza e a aprendizaxe por competencias e propoñer modelos de boas prácticas nas aulas, nos centros e nas comunidades educativas. Específicamente os obxectivos das xornadas son:

  1. Coñecer a orixe, evolución e as tendencias actuais da innovación educativa asociada ao desenvolvemento das competencias básicas e disciplinares do alumnado e ao desenvolvemento de competencias profesionais do profesorado.
  2. Analizar, reflexionar e debater o estado actual da innovación educativa en relación coas competencias básicas e disciplinares e as competencias profesionais por parte dos axentes implicados.
  3. Coñecer e difundir experiencias que estean a desenvolverse no sistema educativo e que poidan constituír exemplificacións de boas prácticas para o profesorado de innovación sobre competencias básicas e/ou competencias profesionais.

Os contidos que se trataron durante os dous días da actividade son os seguintes:

  1. Innovación en educación. Competencias básicas para o século XXI.
  2. Innovar dende as competencias: as competencias básicas e disciplinares como fonte e motor da innovación educativa.
  3. Construción de marcos de referencia dende e para a práctica educativa.
  4. Aportación da investigación sobre competencias á innovación educativa
  5. A formación do profesorado, factor clave para a innovación educativa.
  6. Competencias profesionais para a construción de contornos educativos que favorezan o desenvolvemento das competencias básicas e disciplinares do alumnado en centros innovadores.

Entre os conferenciantes que participaron nesta actividade atópanse Fernando Trujillo, Florencio Luengo e Ángel Pérez Gómez e contouse tamén coa participación de profesorado e directivos de centros educativos que despuntan polas súas boas prácticas e que supoñen unha transformación dentro das súas comunidades educativas específicas.Estas experiencias representan o mellor do traballo innovador en todos os niveis do sistema educativo e as súas exposicións foron seguidas da interacción co público asistente tanto nas sesións propias como na mesa redonda de debate.