A vida e a obra de Celso Emilio Ferreiro percorren Galicia nunha mostra multimedia que a Consellería de Cultura e Educación levará por bibliotecas e centros de ensino

A exposición inicia hoxe a súa itinerancia na biblioteca pública Ánxel Casal de Santiago de Compostela, onde foi inaugurada polo conselleiro, polos secretarios xerais de Política Lingüística e de Cultura e por Luís Ferreiro, fillo do escritor e presidente da fundación que leva o nome do poeta
A instalación pon en valor o legado do escritor a través dun formato interactivo e novidoso, que inclúe audiovisuais, fotografías, poemas musicados, obxectos persoais de Celso Emilio Ferreiro e gravacións sonoras co seu propio recitado
A biblioteca pública de Santiago celebra esta semana o seu cuarto aniversario no novo edificio coa mostra sobre o escritor e tamén con funcións de maxia, sorteo de libros e visitas guiadas para dar a coñecer o seu espazo e servizos
Lun, 26/03/2012 - 12:00
Xesús Vázquez na inauguración da mostra na biblioteca pública Ánxel Casal de San
Xesús Vázquez na inauguración da mostra na biblioteca pública Ánxel Casal de Santiago de Compostela

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria pon en marcha unha nova iniciativa para contribuír á difusión da vida e da obra do escritor Celso Emilio Ferreiro, do que se celebra en 2012 o centenario do seu nacemento. Trátase dunha mostra interactiva que percorrerá Galicia ao longo dos vindeiros meses, primeiro nas bibliotecas nodais, ata o verán, e, a partir de outubro, nos centros de educación secundaria de diferentes localidades.

A instalación multimedia inicia hoxe a súa itinerancia na biblioteca pública Ánxel Casal de Santiago de Compostela, onde foi inaugurada esta mañá polo conselleiro de Cultura e Educación, Xesús Vázquez Abad; polos secretarios xerais de Cultura e de Política Lingüística, Anxo Lorenzo e Valentín García, respectivamente; o presidente da Fundación Celso Emilio Ferreiro e fillo do escritor, Luís Ferreiro, que estiveron acompañados pola directora do centro bibliotecario, Carina Fernández.

Durante a presentación, o conselleiro de Cultura e Educación explicou que a mostra expositiva forma parte dun programa amplo que a Xunta de Galicia promove coa implicación de diversas institucións, no marco do acordo parlamentario polo que se declarou o 2012 o Ano Celso Emilio Ferreiro. Tamén incidiu no “fondo sentido da mostra, que xorde itinerante co obxectivo de  difundir a obra do poeta e achegala á cidadanía, no mesmo camiño no que el traballou a prol da difusión da nosa cultura”.

Descubrir o escritor a través dos novos soportes

Unha pantalla interactiva de gran tamaño conforma o elemento central da instalación, con acceso a aplicacións multimedia. Un muro vertical móbil co retrato do escritor e unha mesa de luz, con obxectos persoais de Celso Emilio Ferreiro, como as súas lentes, a máquina de escribir e unha cámara de fotos, completan a instalación.

“Os usuarios que se acheguen a este punto multimedia informativo van encontrar nel contidos variados”, explicou Anxo Lorenzo, “como notas biográficas, imaxes do escritor ou anacos das súas obras, e mesmo poderán escoitar o propio recitado na voz de Celso Emilio”. Tamén se inclúe un repertorio de cancións baseadas no poeta, así como audiovisuais e xogos participativos para coñecer máis do escritor e político. Moitos destes contidos están accesibles tamén vía web na páxina oficial do escritor,  http://celsoemilioferreiro.org/, que puxeron en marcha este ano a Xunta de Galicia e a Fundación Celso Emilio Ferreiro.

Un percorrido por bibliotecas e centros de ensino

A mostra estará na biblioteca Ánxel Casal ata o 13 de abril e continuará o seu percorrido polo resto de bibliotecas nodais, pasando polas de Pontevedra, A Coruña, Ourense, Lugo e, finalmente, Vigo. Xa no mes de outubro, a exposición multimedia chegará aos centros educativos para achegarlles aos estudantes de secundaria a obra e a figura do poeta de Celanova. Acollerán a mostra o IES Francisco Daviña Rei (Monforte), o IES de Foz (Foz), o CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro (Ferrol), o IES Maruxa Mallo (Ordes), o IES Illa de Tambo (Marín), o IES Aquis Celenis (Caldas de Reis), o IES Xesús Taboada Chivite (Verín), o IES Lauro Olmo (O Barco de Valdeorras) e, finalmente, o IES de Celanova (Celanova).

Respecto do seu paso polos centros de ensino, Valentín García destacou que “a exposición non só aborda a figura dun destacado escritor en lingua galega cuxa obra se estuda en secundaria, senón que o fai empregando medios orais e escritos que facilitan o traballo de diferentes destrezas lingüísticas”. Neste sentido, incidiu na “utilidade da mostra, concibida a partir de materiais interactivos e as tecnoloxías actuais, como apoio ao labor que desenvolven os equipos de dinamización da lingua galega”.

Conmemoración do aniversario da biblioteca Ánxel Casal

A instalación multimedia sobre Celso Emilio Ferreiro inicia o seu percorrido en Santiago de Compostela coincidindo coa semana na que se cumpre o cuarto aniversario da biblioteca pública Ánxel Casal no novo edificio, que xestiona a Consellería de Cultura e Educación. O centro bibliotecario integrou esta actividade de difusión de Celso Emilio Ferreiro –que complementa cunha mostra expositiva cos fondos do autor accesibles na biblioteca–  no marco das actuacións programadas para celebrar o seu aniversario, o 28 de marzo.

Maxia, libros e visitas guiadas

Ese día, o salón de actos da biblioteca acollerá, ás 18:00 horas, funcións de maxia a cargo de Cucarandainas dirixidas aos máis pequenos. Tamén se realizarán visitas guiadas extraordinarias para dar a coñecer todos os recunchos e servizos da biblioteca, en horario de 12:00 horas e de 18:00 horas, e sorteos de lotes de libros entre os lectores do ano 2011.

Xunto coa celebración do aniversario, a biblioteca presentará o 28 de marzo o balance do último ano, no que recibiu máis de 300.000 visitas. Actualmente son xa 22.372 socios e socias, logo das 4.436 incorporacións en 2011. Os préstamos tamén seguen medrando, de 153.061 a 175.02, así como a colección da biblioteca, con 16.603 novos documentos (entre audiovisuais, documentos sonoros e electrónicos, e libros). Ademais, a biblioteca reforzou os seus servizos co préstamo de portátiles, de libro electrónico e de aparellos lectores.