A Consellería de Cultura e Educación e a Deputación de Pontevedra colaboran no impulso do Emprendemento na escola

A iniciativa ‘Emecooperanova’ desenvólvese en 7 centros educativos da provincia, nos que se fomenta a cultura emprendedora entre os máis novos

A Consellería facilita a formación do profesorado nesta materia, recoñecendo con 20 horas de formación as actividades realizadas

Deste xeito o departamento educativo da Xunta dá continuidade ás accións desenvolvidas no marco do Plan eduemprende

Lun, 19/03/2012 - 12:01
A Consellería de Cultura e Educación e a Deputación de Pontevedra colaboran no i
A Consellería de Cultura e Educación e a Deputación de Pontevedra colaboran no impulso do emprendemento na escola

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad; e o presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán; asinaron hoxe un convenio de colaboración co fin de impulsar a iniciativa ‘Emecooperanova’, un programa educativo dirixido a alumnado de educación Primaria de 7 colexios da provincia, e que conta tamén co apoio do Programa Emprendemos Juntos do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio.

Ao abeiro do acordo hoxe asinado a Consellería facilitará aulas dos Centros de Formación e Recursos ou do Centro Autonómico de Formación e Innovación para que nelas se impartan cursos de formación permanente do profesorado de 4º, 5º e 6º de Primaria en materia de cultura emprendedora. Ademais, o departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad expedirá ao profesorado participante nestes cursos o a correspondente certificación na que se faga constar que realizaron unha actividade formativa de 20 horas.

Desta forma, tal e como explicou o conselleiro, o departamento educativo da Xunta de Galicia dá continuidade ás actuacións que está a desenvolver a través do Plan de Emprendemento no Sistema Educativo de Galicia, eduemprende, marco de fomento do espírito emprendedor que recolle dentro das súas liñas de actuación a coordinación e aproveitamento de iniciativas conxuntas na procura de sinerxias nos programas sobre emprendemento desenvolvidos en Galicia, como é este caso.

Cómpre lembrar que, no marco deste Plan, a Consellería está a integrar en todos os ámbitos o ensino accións que permitan dotar de contidos, ferramentas e formación en materia de cultura emprendedora aos membros da comunidade educativa, “unha vez constatado -dixo Vázquez Abad- que o espírito emprendedor é un dos motores principais da innovación, a competitividade e o crecemento da economía”.

Constitución de cooperativas

‘Emecooperanova’ procura a familiarización e integración dos elementos de xestión empresarial nas aulas, así como o deseño de unidades didácticas, co fin da integración metodolóxica e pedagóxica do fomento da cultura emprendedora entre o alumnado, así como para a formación do profesorado neste eido. Desta forma as alumnas e alumnos, durante o curso escolar, crean e xestionan unha cooperativa na que fabrican produtos que venden unha vez ao ano, nun mercado ou feira da súa localidade. Un proxecto baseado na participación real e efectiva do alumnado na aula, axudado polo labor de apoio e asesoramento das súas profesoras e profesores.

Para desenvolver o seu proxecto, as 125 alumnas e alumnos participantes dos CEIP Plurilingüe Nº1 e Nº2 (ambos de TUI), CEIP As Solainas (A Guarda), CEIP Paraixal (Vigo), CEIP Príncipe Felipe (Pontevedra), CEIP Julia Becerra (Ribadumia) e do Centro de Educación Especial Príncipe Felipe (Pontevedra), constituíron ata 8 cooperativas, organizadas en diferentes departamentos, incorporando ademais nos seus estatutos a cláusula de responsabilidade  social onde indican que parte dos seu beneficios iran destinados a unha organización con fins sociais.

En fases posteriores os participantes deseñaran a imaxe corporativa da empresa, o seu modelo de financiamento e contabilidade, e abordarán aspectos como as técnicas e procesos de fabricación, e a venta dos produtos.

Así, as nenas e nenos familiarízanse co traballo en equipo, a solución de problemas, e a responsabilidade; así como con realidades como o xurdimento dunha idea de negocio, a formación dun equipo de traballo e a xestión dunha cooperativa.

Cómpre salientar ademais que se trata dunha iniciativa que se realiza de forma transversal nas diferentes áreas de coñecemento do currículo de Primaria, co que se favorece ao mesmo tempo o desenvolvemento de competencias asociadas á comunicación, a análise do entorno físico, a creación, a convivencia ou a alfabetización dixital.