O conselleiro de Cultura e Educación gaba o labor do Centro de Educación Especial Manuel López Navalón a prol da escola inclusiva

Xesús Vázquez Abad visitou hoxe o colexio compostelán, que conta cun Centro de Recursos de referencia na especialidade de Audición e Linguaxe

Xesús Vázquez Abad visitou hoxe o colexio compostelán, que conta cun Centro de Recursos de referencia na especialidade de Audición e Linguaxe

O conselleiro salientou o compromiso do seu departamento neste eido, no que vén de publicar o decreto polo que se regula a atención á diversidade do alumnado galego

Xov, 15/03/2012 - 12:25

Vídeo con declaracións do conselleiro de Cultura e Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad

O conselleiro, durante a súa visita ao centro
O conselleiro, durante a súa visita ao centro

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, gabou hoxe o labor desenvolvido polo Centro de Educación Especial Manuel López Navalón (Santiago de Compostela) a prol da escola inclusiva e da mellora da atención á diversidade do alumnado ao centro. Na súa visita ao colexio, na que estivo acompañado pola directora, Fátima Mª García Doval, Vázquez Abad felicitou aos membros da comunidade educativa polo traballo que desenvolven no Centro de Recursos Educativos na especialidade de Audición e Linguaxe que teñen posto en marcha; así como polas súas actividades e proxectos no eido da investigación, desenvolvemento e innovación en materia de recursos de apoio e accesibilidade.

O conselleiro explicou que o departamento que dirixe mantén un forte compromiso con este centro, no que se teñen investido máis de 186.950 euros ne traballos de mellora e en novo equipamento. Ademais os seus 30 alumnos teñen á súa disposición servizos de comedor e transporte escolar - o que supón este curso unha achega de máis de 82.000 euros por parte da Consellería; e a biblioteca do centro leva recibido 3.700 euros que contribuíron á mellora dos seus fondos.

Vázquez Abad reiterou, ademais, o apoio do departamento que dirixe a iniciativas como a que -en colaboración co Grupo de Tecnoloxías da Información da Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Telecomunicación da Universidade de Vigo- redundou na creación dun Taboleiro de Comunicación Pictográfico para Persoas con Discapacidade, denominado TICTAC, que foi merecedor do premio ao mellor proxecto de interese social do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia no 2008.

“A Consellería –dixo Vázquez Abad- está a apostar por este proxecto de colaboración e os seus resultados, a través dos cursos que se imparten nos Centros de Formación e Recursos para capacitar aos profesores especialistas en pedagoxía Terapéutica e Audición e Linguaxe para a configuración e xestión deste taboleiros TICTAC”. Non en balde foi este o primeiro taboleiro que pode ser configurado totalmente polos propios usuarios, ofrecendo a posibilidade dunha comunicación bilingüe, “o que significa facilitar que as persoas con dificultades de comunicación teñan acceso a este dereito” explicou o conselleiro, a través da páxina web do centro, onde está dispoñible (http://www.ceenavalon.org/recursos-e-descargas/ ).

Accegal

Vázquez Abad quixo ademais agradecer á directora do centro o seu traballo como corresponsable do proxecto Accegal, constituído en colaboración co Grupo de Tecnoloxías da Información da Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Telecomunicación da Universidade de Vigo, para a innovación e o traballo conxunto desde as perspectivas  tecnolóxica e pedagóxica dun modo integrado e transdisciplinar para a mellora da accesibilidade. Ao abeiro de Accegal, no que participan profesores, asociacións de discapacidade e centros educativos, entre outros, desenvólvense varios proxectos innovadores. Entre eles, xa están dispoñibles de forma totalmente gratuíta de VirtualTEC, un teclado virtual pensado para servir como sistema de comunicación alternativa ás persoas con discapacidade motora; Message TTS, aplicación que permite reproducir mediante o sintetizador de voz o texto introducido polo teclado, destinada a persoas con problemas de comunicación que afecten á fala; e o comunicador pictográfico PictoDroidLite, para persoas con diversidade funcional que lles impide ou dificulta a lectoescritura.

Centro de recursos

Doutra banda, o conselleiro salientou o traballo desenvolvido no Centro de Recursos Educativos do Manuel López Navalón, “que colabora con outros centros que llo solicitan, con recursos materiais e persoais, identificando e avaliando as necesidades do alumnado, e proporcionando orientacións e pautas individualizadas de actuación para os centros ordinarios e as familias”.

Ademais o centro presta atención ambulatoria a alumnos con necesidades de atención directa, e pon a disposición da comunidade educativa o seu banco de recursos de investigación, deseño, elaboración e adaptación de recursos educativos, a través dun servizo de préstamo.

Ademais dos proxectos innovadores desenvolvidos, o CEE Manuel López Navalón mantén unha aposta pola formación continua como recurso de base, tanto para o alumnado como para o profesorado. Así, e ademais da formación aos docentes especialistas impulsada pola Consellería, o centro realiza desde hai varios anos o proxecto ‘O meu mundo en signos’, un curso de comunicación mediante linguaxe de signos con apoio de pictogramas centrado nun enfoque funcional baseado en situación e exemplo de uso real.

Sociedade inclusiva

O conselleiro valorou moi positivamente esta aposta, así como o labor do centro de difusión tecnolóxica de recursos de baixo custe ou gratuítos, con especial atención ao hardware que, malia non ser desenvolvido de forma específica para o ámbito do apoio e a accesibilidade, presenta grandes posibilidades neste eido. “Trátase, sen dúbida- dixo Vázquez Abad- dun traballo moi importante para por a disposición de todos os centros educativos e das familias ferramentas que faciliten a atención á diversidade do alumnado, co fin de que entre todo poidamos construír non só unha escola inclusiva, senón tamén unha sociedade inclusiva”.

Vázquez Abad salientou ademais o compromiso da Consellería neste ámbito, no que vén de publicar o decreto 229/2011 polo que se regula a atención á diversidade do alumnado galego, unha aposta da Consellería pola participación do conxunto da comunidade educativa e pola colaboración entre as distintas administracións para promover o desenvolvemento das potencialidades de cada estudante.

Así mesmo agradeceu o labor fundamental desenvolvido pola rede galega de departamentos de orientación, e polos 3.169 profesionais especializados na orientación e na atención á diversidade que atenden ás alumnas e alumnos con necesidades educativas especiais nas aulas galegas – profesores de pedagoxía terapéutica, audición e linguaxe, e intérpretes de lingua de signos, entre outros- .