Queda aberta ata o 1 de xuño a inscrición no cuarto Concurso Audiovisual Olloboi 2012 organizado polo colectivo Marearte
Ven, 11/05/2012 - 15:00
IV Concurso Audiovisual Olloboi 2012

O colectivo Marearte convida á comunidade educativa a participar no IV Concurso Audiovisual OlloBoi.

Bases do concurso:

  1. Poderá participar calquera persoa ou grupo de persoas nacidas ou residentes en Galicia, do eido educativo ou fóra do mesmo. Os participantes menores de 18 anos farano baixo a responsabilidade do seu titor legal.
  2. Aceptaranse traballos de vídeo-creación (curtametraxes, vídeo-denuncias, documentais...) de duración preferentemente non superior ós 10 minutos, que deberán estar aloxados nun servidor web: Vimeo, Youtube, DailyMotion...
  3. A temática e lingua dos traballos será libre, aínda que se valorará o uso ou referencia ó idioma e á cultura galega, a responsabilidade medioambiental e social e o respecto ós dereitos dos animais. O xurado terá en conta que a autoría do traballo sexa non profesional.
  4. Aceptaranse traballos realizados nos últimos 3 anos sempre que non se presentaran en edicións anteriores do concurso.
  5. Os participantes consinten na divulgación dos seus traballos na rede, sempre co recoñecemento da súa autoría e dos seus dereitos.

Participación: Vías e prazos:

Os traballos deberán pendurarse nun portal web antes do 1 de xuño, incluído, indicando no formulario de inscrición (dispoñible na páxina de Olloboi) a dirección (URL) onde están albergados.

Fallo do tribunal e premios:

1. Os traballos de todos os participantes estarán enlazados dende o día 26 de maio no sitio web olloboi.com dende onde se poderá acceder a un formulario para votar online ata o xoves 7 de xuño.

2. Establécense tres categorías con cadanseu premio, a contía dos cales se determinará en función das colaboracións e patrocinio acadados:

a. Premio OlloBoi ó mellor traballo

b. Premio OlloBoi Escolar ó mellor traballo realizado por alumnado de Primaria, ESO e Bacharelato

c. Premio OlloBoi do Público, de acordo cos votos recollidos online

3. Non se descarta a inclusión de novas categorías de premios en función dos posibles patrocinios conseguidos.

4. A Organización resérvase o dereito a declarar deserta unha ou varias das categorías.

5. A data e lugar de entrega de premios será na Gala OlloBoi 2012 que terá lugar o venres 15 de xuño na Casa da Cultura de Boiro.