Publicación da Orde do 10 de febreiro de 2012 pola que se regula a proba para a obtención do título de bacharel para persoas maiores de vinte anos na Comunidade Autó­noma de Galicia

Xov, 23/02/2012 - 10:01

A Orde de 10 de febreiro de 2012 regula a proba para a obtención do título de bacharel para maiores de vinte anos.

A estas probas pódense presentar as persoas que cumpran vinte anos no ano de convocatoria ou que superen esa idade, sempre que non estean matriculados nas ensinanzas de bacharelato ou o estivesen no ano da convocatoria.

A proba organízase de maneira diferenciada para as distintas modalidades de bacharelato e estrutúrase en dous exercicios: un dedicado ás materias comúns e outro, ás de modalidade. No segundo exercicio, o aspirante debe examinarse das materias obrigatorias da modalidade elixida e doutras catro materias, dúas de primeiro curso e dúas de segundo.

A orde establece mecanismos de validación: as persoas que teñan superadas todas as materias comúns de bacharelato quedan exentas da realización do primeiro exercicio. Igualmente, as que teñan superadas seis materias de modalidade quedan exentas da realización do segundo exercicio.

Está pendente de publicación a Resolución que convocará as probas para o ano 2012. Este ano convocaranse para as modalidades de Ciencias e tecnoloxía e Humanidades e ciencias sociais. A data máis probable para a súa celebración é o mes de setembro.