A Xunta seguirá apoiando as familias o vindeiro curso escolar con máis axudas para facer fronte á inflación

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades responde no Parlamento a unha interpelación sobre a previsión de bolsas para o vindeiro curso

Entre as novas medidas está a ampliación do vale de material escolar e a suba das axudas á compra de libros, así como o incremento das partidas para comedores

Tamén se conxelan, por décimo terceiro curso consecutivo, as taxas universitarias

Mér, 31/05/2023 - 14:48
r

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, explicou que a Xunta de Galicia continuará apoiando as familias no inicio do vindeiro curso escolar con máis axudas para facer fronte á inflación. En resposta a unha interpelación, o titular do departamento educativo do Goberno galego explicou que o Consello da Xunta xa ten autorizadas diversas medidas ao respecto, en relación coa compra de libros e material escolar, cos servizos complementarios de comedor e transporte e cos prezos de matrículas nas universidades públicas galegas.

Entre as novas medidas está “a suba das axudas á compra de libros e a extensión do vale de 75€ para material escolar para familias de rendas baixas. Ademais, por vez primeira, 60€ para todas as familias con renda ata 10.000€ per cápita”, explicou.

No relativo aos servizos complementarios, o conselleiro explicou que se reforzan os comedores escolares cunha suba do 20% por menú e cun incremento tamén de beneficiarios e da mellora na prestación e organización e atención aos alumnos. Na mesma porcentaxe medran as achegas ás asociacións que xestionan o servizo de comedor adaptado para o alumnado con necesidades especiais e, nun 30%, as destinadas a facilitar a estes alumnos o servizo de transporte adaptado.

A maiores, conxélanse, por décimo terceiro curso consecutivo, os prezos públicos de matrícula universitaria. “O próximo curso –dixo o conselleiro– as familias galegas terán un aforro de 16M€, cunha medida que leva 13 anos consecutivos de aplicación. Ademais de ser referentes no Estado na política de taxas universitarias”.

O sistema máis equitativo

“Galicia volve a actuar con responsabilidade –destacou Román Rodríguez– consolidando un modelo recoñecido polo Informe PISA como o sistema educativo máis equitativo por diante de todos os países da OCDE”. Ademais, a semana pasada publicouse un informe independente como o SociEducación 2023 (elaborado entre outros por UXT e Comisións Obreiras) que sitúa a Galicia como a terceira comunidade cun mellor ensino ao destacar en aspectos como o investimento por alumno, a rateo profesor ou o abandono escolar.

“Seguiremos a traballar con responsabilidade polo futuro do ensino en Galicia e polo apoio ás familias que máis o precisen para manter a equidade”, explicou o conselleiro.