Un milleiro de profesionais do ensino participarán o 7 de marzo no Congreso de Convivencia e Benestar Emocional que organiza a Xunta

Entre os relatores están profesionais destacados como o psiquiatra Luis Rojas-Marcos e a responsable de sensibilización e políticas de infancia de UNICEF, Marta Andrade

Os riscos na rede, a prevención do racismo e a xenofobia e o coidado da adolescencia serán algúns dos temas a abordar ao longo da xornada, na que tamén se exporán boas prácticas educativas e experiencias nesta materia

Estes temas van na liña do marcado na Estratexia Galega de Convivencia 2025, a folla de ruta do Goberno galego para afianzar a igualdade e a convivencia positiva, o coidado do benestar emocional e a convivencia dixital responsable nas aulas

Lun, 20/02/2023 - 12:32
c

A Xunta de Galicia congregará preto dun milleiro de profesionais do ensino no Congreso de Convivencia e Benestar Emocional que contará con relatores como o psiquiatra Luis Rojas-Marcos, encargado da conferencia inaugural; a responsable de sensibilización e políticas de infancia de UNICEF, Marta Andrade Blanco; a directora territorial da Fundación Secretariado Gitano de Galicia, Eva Vera; os psiquiatras Alexandre García Caballero, Ricardo Fandiño e Rosario del Rey, e representantes de centros escolares e dos Equipos de Orientación Específico.

Esta xornada formativa, que terá lugar o vindeiro día 7 de marzo no Pazo de Congresos e Exposicións de Santiago de Compostela, está deseñada para que persoas expertas no ámbito da convivencia e do coidado das emocións poidan achegar aos profesionais da educación as súas experiencias e coñecementos.

Entre os seus obxectivos está o de impulsar unha formación específica no ámbito da convivencia e do benestar emocional, sensibilizar sobre a importancia do papel dos centros educativos para garantir un bo clima nas aulas e potenciar o intercambio de boas prácticas e experiencias nesta materia.

Prevención de riscos

Así pois, ao longo da xornada haberá unha serie de mesas redondas onde se abordarán temas como o benestar emocional na adolescencia, estratexias de prevención do racismo, a xenofobia e outras formas de intolerancia nas aulas ou os riscos emerxentes das redes sociais.

Ademais dos relatores citados, tamén intervirán María Victoria Fernández e Marta Barrios, dos Equipo de Orientación Específica da Coruña e de Lugo; José Manuel Pérez Folgueira, docente do colexio Veleiro Docampo de Castro de Rei, e representantes dos colexios Pena Corneira de Carballeda de Avia e Torre de Hércules da Coruña, e do instituto Fernando Blanco de Cee. A xornada concluirá cunha actuación centrada nas emocións a cargo do monologista David Amor.

O encontro é unha das accións formativas impulsadas pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades no marco da Estratexia Galega de Convivencia Escolar 2025, a folla de ruta do Goberno da Xunta enfocada a afianzar un bo clima nas aulas e consolidar un modelo de convivencia inclusiva, equitativa e de calidade.

De feito, a igualdade e a convivencia positiva, o coidado do benestar emocional e a convivencia dixital responsable son algunhas das apostas desta estratexia que van na liña cos temas que se abordarán no congreso. Os docentes interesados dispoñen de prazo ata o 24 de febreiro para inscribirse no mesmo.