Galicia convértese na primeira comunidade do estado en implantar un sistema propio de acreditación de competencias dixitais para alumnado e profesorado
A Consellería de Educación eleva ao Consello da Xunta esta nova iniciativa que beneficiará a preto de 140.000 galegos entre este curso e o vindeiro
O alumnado poderá acreditar de oficio un nivel mínimo ao rematar os seus estudos ou presentarse a probas para demostrar un coñecemento superior
Este tipo de competencias, que serán esixibles no mercado laboral, seguirán un patrón similar ao que se utiliza actualmente na certificación de idiomas
Inclúe cinco eixos: Información e datos, Comunicación e colaboración, Creación de contido dixital, Seguridade e privacidade e Contorna dixital e solución de problemas
Haberá 4 niveis (iniciación, intermedio, avanzado e especializado) e 21 competencias
Os docentes, que contarán con formación personalizada, verán mellorada así a súa capacitación e aproveitarán mellor o potencial destas tecnoloxías nas aulas
Tamén se establece unha vía específica para persoas adultas, con especial atención á fenda de xénero, a colectivos vulnerables e ás zonas rurais
Trátase dunha medida que desenvolve a Estratexia Educación Dixital 2030
Galicia convértese na primeira comunidade autónoma do Estado en implantar un sistema propio de acreditación de competencias dixitais no eido educativo, con dous ámbitos específicos dirixidos ao profesorado por unha banda e ao alumnado por outra.
O Consello da Xunta analizou o acordo polo que se dá conta dos pasos a seguir por parte da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades para desenvolver este procedemento específico de certificación no ensino, que se estima que beneficie durante este e o vindeiro curso a preto de 140.000 galegos: 100.000 estudantes, 31.000 docentes e 7.000 persoas adultas, os tres grupos que se fixan neste marco.
Esta novidosa proposta é unha das medidas contidas na Estratexia Educación Dixital 2030, o documento de accións coordinadas para a transformación tecnolóxica do ensino e o perfeccionamento das competencias e capacidades necesarias na sociedade actual.
A competencia dixital é a combinación de coñecementos, habilidades e aptitudes para o uso seguro, crítico e responsable das tecnoloxías da información e a comunicación na aprendizaxe, o traballo, o lecer, a participación na sociedade e a interacción con ditas tecnoloxías. Estrutúrase en cinco grandes áreas (Información e datos, Comunicación e colaboración, Creación de contido dixital, Seguridade e privacidade e Contorna dixital e solución de problemas).
Acreditación de alumnado
No caso do alumnado, esta competencia, que será esixible no mercado laboral, seguirá un patrón similar ao que se utiliza actualmente na certificación de idiomas. En total, a acreditación está integrada por 21 competencias que se poderán certificar en catro niveis diferentes: iniciación, intermedio, avanzado e especializado.
O procedemento de acreditación para o alumnado farase por unha dobre vía. Por un lado, a validación de oficio no momento en que remate os seus estudos ou ben a través da superación dunha proba específica de acreditación dos diferentes niveis establecidos.
Pola vía de oficio, emitiranse as primeiras certificacións en competencias dixitais para o alumnado que titule en ESO e FP Básica (certificado de iniciación), FP de grado medio, superior e másteres, así como ensinanzas artísticas (certificado de nivel intermedio).
En canto ás probas específicas, que permitirán acreditar unha competencia de maior nivel que a correspondente ao nivel de estudos, a Consellería vai desenvolver este ano a orde que regule este recoñecemento, así como un pilotaxe das mesmas cunha mostra estudantes. E partir do vindeiro curso 2023-24, as probas poderanse extrapolar a todo o alumnado de todos os niveis educativos e a extensión das validacións a outros niveis.
Estas certificacións, na medida en que son a proba do grao de adquisición de competencias no eido tecnolóxico, contribuirán a mellorar o acceso ao mercado laboral dos estudantes das citadas ensinanzas que se estima titularán nestes dous cursos.
Acreditación do profesorado
No que atinxe ao profesorado, o obxectivo é intensificar a formación e acreditación en competencias dixitais. Deste xeito, búscase mellorar a capacitación dos docentes para que poidan aproveitar o potencial das tecnoloxías na mellora do sistema educativo. Con este proceso, deseñaranse os itinerarios formativos necesarios, adaptados segundo os niveis e a situación persoal, para ir acadando os distintos niveis de desenvolvemento.
Para ilo establécense cinco vías de acreditación: formación do profesorado e do recoñecemento de roles e funcións para os niveis avanzados, recoñecemento de títulos universitarios, proba acreditativa (da que o Ministerio se comprometeu a proporcionar unha ferramenta), observación do desenvolvemento profesional e aplicación de rúbricas e presentación e avaliación de evidencias e méritos mediante convocatorias ad hoc.
Educación de Adultos
Finalmente, no que atinxe á acreditación de competencias dixitais para adultos, trabállase na creación da Rede Galega de Educación Dixital nas ensinanzas de Adultos, coa incorporación de medio centenar de centros. Así mesmo, levarase a cabo formación específica nas ensinanzas orientadas a maiores de 55 anos con baixo nivel de cualificación, atendendo especialmente á fenda de xénero, a poboación vulnerable e as zonas rurais.
Acadar a cidadanía dixital plena
A acreditación de competencias dixitais é unha das accións de impacto definidas na Estratexia Educación Dixital 2030, enfocadas a unha maior presenza da educación dixital nas aulas co fin de acadar a cidadanía dixital plena (convivencia dixital pacífica, alfabetización informacional e loita contra a desinformación, pensamento crítico...), a fomentar contextos híbridos de ensino-aprendizaxe (que mesturan o dixital e o presencial), atallar a fenda dixital (fenda de xénero, socioeconómica...), e abordar o reto demográfico, de consolidación da poboación en contornos rurais e de sustentabilidade.
No marco desta Estratexia, dotada cun investimento inicial de 120M€ para os tres primeiros anos de implantación, inclúense outras accións como a dotación de polos creativos, aulas dixitalizadas, o Plan Dixital de centro, a integración da Intelixencia Artificial, a dotación de equipamento específico, a formación do profesorado e das familias, premios e proxectos, sistemas de xestión de datos, auditorías de accesibilidade desenvolvemento de contidos dixitais e loita contra a desinformación, entre outros.