A Xunta compromete o seu apoio ao profesorado técnico de FP para que a integración formulada polo Estado non xere desigualdades

Román Rodríguez explica que o “pésimo” desenvolvemento normativo do Ministerio deixa sen atender a 1.000 profesionais

Para buscar unha solución, Galicia deseñará unha folla de ruta para que se compense a inxustiza á que se ven sometidos estes docentes

Mér, 25/01/2023 - 22:08
e

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, reuniuse esta tarde con profesores técnicos de FP cuxo corpo vai desaparecer por decisión do Goberno Central, unha situación que está a crear desigualdades.

Este proceso, como sinalou o titular do departamento educativo da Xunta, é unha medida “imposta de xeito unilateral polo Goberno Central”, primeiro a través da extinción do corpo de profesores técnicos de FP na LOMLOE e despois cunha lei de FP “que só complicou aínda máis a situación e xerou grandes desigualdades”. O obxectivo da reunión é “constituír unha fronte común” con todo o profesorado técnico de FP de Galicia fronte a un Ministerio de Educación “que claramente elude as súas responsabilidades, tomando medidas sen preocuparse das súas consecuencias sobre os docentes e, ademais, sen achegar un só euro para sufragalas”, dixo Román Rodríguez.

Isto –explicou o conselleiro– orixina ata cinco casuísticas distintas de persoal que pode ou non integrarse no corpo de Secundaria, o que leva consigo un “caos administrativo”, que pode derivar incluso en demandas legais e que teñen que resolver as comunidades autónomas, diante da total evasiva do Goberno central a xestionar esta problemática.

Na reunión se puxo de manifesto que a Xunta está a favor da mellora das condicións laborais dos docentes. Proba diso é que está previsto resolver a integración do primeiro grupo de profesores técnicos de FP no corpo de Ensino Secundario no mes de marzo. Estímase en algo máis de 1.000 os docentes que cumpren os requisitos marcados polo Ministerio, un paso cun custo de máis de 6M€ que a Xunta asume de xeito íntegro.

A reunión coa comisión de representantes do profesorado técnico de FP e con representantes de directores de centros busca dar resposta, principalmente, ás demandas dos restantes tres grupos de docentes, “diante da situación de total desamparo nos que os deixou o Ministerio”, explicou Román Rodríguez.

 “En total, hai máis de 1.000 persoas ás que o Ministerio non tivo en conta no seu pésimo desenvolvemento normativo e para as que non contempla ningunha solución”, salientou. “Non todas as administracións somos iguais. Por iso desde a Xunta queremos tender unha man a estes docentes e construír unha folla de ruta para que as súas condicións poidan ser equiparables ás do resto do profesorado de FP, ou polo menos se lles compense a tremenda inxustiza á que se están a ver sometidos”, expuxo.