A Xunta convoca as axudas para que os universitarios con dificultades económicas imprevistas poidan continuar os seus estudos

O obxectivo desta convocatoria é que a aparición dunha causa sobrevida non obrigue a un alumno a abandonar a súa formación por falta de recursos

O importe das bolsas, en función da renda familiar, oscilará entre os 1.750 e os 3.000€

Lun, 09/01/2023 - 11:41
c

A Xunta publica no Diario Oficial de Galicia a convocatoria de axudas destinadas ao alumnado das universidades públicas do Sistema Universitario de Galicia que, por causas sobrevidas ocorridas ao longo do curso académico 2022/23, teña dificultades económicas para continuar estudos. O obxectivo desta liña de actuación da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades é que a aparición dun suceso ou situación imprevista non obrigue a un alumno a abandonar a súa formación por falta de recursos.

Entre estas causas están a orfandade absoluta, o desemprego, o falecemento, a falta de pagamento acreditada por denuncia ou sentenza de pensións alimenticias nos casos de separación ou divorcio, enfermidade grave, recoñecemento de incapacidade permanente absoluta para todo traballo dalgún dos sustentadores principais da unidade familiar, a condición de emigrante retornado, a de vítimas de violencia de xénero ou actos terroristas e outras circunstancias non recollidas que, sendo debidamente acreditadas, repercutan na situación socioeconómica familiar. O curso pasado recibiron estas axudas 18 alumnos, cunha contía total de 50.500€.

Contías e requerimentos

As axudas, cuxo importe dependerá da renda familiar, oscilarán entre os 1.750 e os 3.000 euros. Para acceder a elas, os alumnos deberán estar matriculados no curso académico 2022/23 como mínimo en 50 créditos en estudos universitarios de grao, en calquera das universidades públicas galegas. No caso do alumnado ao que lle reste un número inferior de créditos para rematar os seus estudos, deberá de estar matriculado como mínimo de 30 créditos.

Ademais, a renda per cápita da unidade familiar deberá ser inferior ao importe anual da pensión non contributiva individual que estableza a lei de orzamentos xerais do estado para o ano 2023 multiplicada por 1,80.

As solicitudes deberán presentarse obrigatoriamente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Se a causa imprevista aconteceu con anterioridade á publicación da convocatoria, o prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 9 de febreiro. Se ocorre con posterioridade, o prazo de presentación de solicitudes será dun mes desde que aconteceu a causa sobrevida sendo a data límite o 31 de xullo. Se a causa é o falecemento dalgún dos sustentadores principais da unidade familiar, o prazo de presentación abranguerá desde o día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia ata o 31 de xullo.