A Xunta financia con 11,4M€ a contratación de 102 novos investigadores predoutorais que se incorporan ás universidades galegas e a organismos públicos de I+D+i

O Diario Oficial de Galicia publica a lista de seleccionados, que recibirán un importe de ata 112.000€ por investigador para todo o período, 30.000€ máis que na convocatoria anterior

Tamén se amplía ata catro anos o período do contrato fronte aos tres actuais e dáse a oportunidade de que un investigador predoutoral poida acceder a un contrato de capacitación posdoutoral no seu ultimo ano de bolsa

A día de hoxe hai arredor de 300 predoutorais realizando os seus traballos de investigación en Galicia grazas a esta liña de apoio do Goberno galego

Dom, 04/12/2022 - 09:55
p

A Xunta de Galicia financia os contrato dun total de 102 novos investigadores predoutorais para levar a cabo o seu labor científico nas tres universidades públicas do Sistema Universitario de Galicia (SUG), nos organismos públicos de investigación de Galicia e noutras entidades do sistema galego de I+D+i, con contratos de ata catro anos de duración que inclúen estadías de ata tres meses no estranxeiro.

O Diario Oficial de Galicia publica o listado dos investigadores seleccionados ao abeiro do programa de apoio predoutoral, de formación inicial de científicos, que o Goberno galego dota cunha partida orzamentaria de 11,4M€ (fronte aos 8,2M€ da anterior convocatoria).

Do conxunto de científicos seleccionados, 90 deles iniciarán o seu labor investigador nas universidades galegas, a razón de 11 na Universidade da Coruña, 64 na Universidade de Santiago de Compostela e 15 na Universidade de Vigo. Os 12 restantes incorpóranse a outros organismos públicos de investigación de Galicia, a razón de cinco na Fundación Profesor Novoa Santos, catro na Fundación do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela, dous na Fundación Biomédica Galicia Sur e un no Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC.

Reforzo económico e ampliación dos contratos

Nesta convocatoria de 2022 q ue agora se resolve a Xunta de Galicia introduciu unha serie de melloras como o incremento dun 38,3% nas axudas que vai recibir cada investigador ata un máximo de 112.000€ por todo o período fronte aos 81.000€ da última convocatoria.

Ademais, esténdese un ano máis (pasa de tres a catro anos) o período do contrato e dáse a oportunidade de que un investigador predoutoral poida acceder a un contrato de capacitación para a formación posdoutoral no seu cuarto ano. Isto é, se o investigador beneficiario dunha destas bolsas le a tese antes do inicio do seu cuarto ano de contrato, a Xunta fináncialle un contrato de capacitación para a etapa posdoutoral durante ese último ano.

Así pois, todos eles recibirán unha contía de 24.000 euros anuais durante os primeiros tres anos. O cuarto ano, recibirán 29.000 ou 30.000 euros en función de se acede ao mencionado contrato de capacitación .

Complemento por estadía no estranxeiro

A maiores engádese un complemento de estadía no estranxeiro que pode acadar os 6.000 euros de máximo, xa que varía en función da zona de destino. Deste xeito, se o científico escolle Portugal ou Andorra recibirá 2.000 euros; se realiza a súa estancia en Europa (salvo os dous países anteriores), África ou América (agás Estados Unidos e Canadá) terá á súa disposición 4.000 euros; e se o destino é Estados Unidos, Canadá, Asia ou Oceanía, a achega será de 6.000 euros.

O obxectivo deste programa que se vén desenvolvendo desde o ano 2012 é a formación do persoal investigador desde etapas iniciais (preparación da tese doutoral), co obxecto de que, mediante procesos formativos estables, adquirir as habilidades propias do persoal investigador. A día de hoxe hai arredor de 300 predoutorais realizando os seus traballos de investigación en Galicia grazas a esta liña de apoio da Xunta de Galicia.