Román Rodríguez destaca o papel da Facultade de Xeografía e Historia da USC como “un faro que iluminou Galicia” nos seus 100 anos de traxectoria

Xov, 24/11/2022 - 11:48
h

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, participou esta mañá na inauguración do primeiro encontro Estudos de Historia na Universidade de Santiago: da fundación á internacionalización (1923-1973), co que a Facultade de Xeografía e Historia conmemora o centenario dos estudos de Historia na universidade compostelá. O representante autonómico, profesor titular desta facultade, destacou o seu papel na formación dalgúns dos grandes nomes da intelectualidade e das ciencias sociais da nosa Comunidade, como Ramón Otero Pedrayo primeiro catedrático de Xeografía desta Universidade.

Román Rodríguez referiuse ao labor da facultade nos últimos cen anos como “un faro que iluminou Galicia” e un espazo “tremendamente eficaz para fomentar a reflexión, a argumentación, a racionalidade, en definitiva para ensanchar o pensamento”, ao tempo que de fomento da excelencia, da cultura do esforzo e do mérito e a capacidade. “O reto desta Facultade –salientou– é seguir sendo quen de adaptarse aos retos do mundo actual e de dar respostas ás demandas da sociedade de hoxe en día”. “Estou seguro de que seguiremos sendo un instrumento útil para a sociedade galega polo menos outros cen anos máis”, rematou.