Evaristo Calvo dirixirá no CDG as dramatizacións das obras finalistas do VI Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico

A actual edición, con 51 orixinais recibidos, convértese na máis concorrida en toda a historia do certame
A Radio Galega e o Centro Dramático Galego, co patrocinio da Agadic, promoven este galardón dotado cun total de 6.000 euros para dúas modalidades de selección.
Os textos finalistas editaranse nun libro-cd e a súa interpretación será emitida no mes de marzo pola radio pública para abrir as votacións por parte da audiencia.
Lun, 23/01/2012 - 13:25
Evaristo Calvo dirixirá no CDG as dramatizacións das obras finalistas do VI prem
Evaristo Calvo dirixirá no CDG as dramatizacións das obras finalistas do VI premio diario cultural de teatro radiofónico

O actor e director Evaristo Calvo dirixirá as dramatizacións das obras que resulten finalistas do VI Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico, que promoven a Radio Galega e o Centro Dramático Galego (CDG) co patrocinio da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. O certame pechou o pasado día 15 de xaneiro o prazo de presentación de traballos cun total de 51 orixinais recibidos, cifra que converte esta edición na máis concorrida da súa historia.

Ábrese agora o período de selección das obras finalistas polo xurado, do que formará parte o propio Evaristo Calvo xunto a Xosé Manuel Pacho Blanco, gañador da V edición coa obra Paraísos; Camilo Franco, crítico de teatro; Roberto Taboada, coordinador de actividades do Festival ALT de Vigo e membro do consello asesor do CDG; Gloria Ferreiro, redactora xefa de programas da Radio Galega; e Ana Romaní, directora do programa Diario Cultural.

Baixo a dirección de Evaristo Calvo, un cadro de actores e actrices coordinados polo CDG dramatizará os textos seleccionados polo xurado que se emitirán en marzo nos distintos programas da Radio Galega para abrir as votacións por parte da audiencia. Este mesmo traballo foi realizado nas anteriores edicións por Ana Vallés (2011), Ánxeles Cuña (2010), Candido Pazó (2009), Quico Cadaval (2008) e Lino Braxe (2007).

Prolífica traxectoria

Calvo posúe unha prolífica carreira profesional que iniciou a mediados dos anos 70 como actor no teatro afeccionado coruñés. Desde entón compaxina os traballos de actor, tanto no teatro como no cine e na televisión, cos de autor e director de escena no teatro, e o de guionista de televisión. Cofundou compañías como Ollomol Teatro Submarino, Ollomoltranvía e o dúo Mofa e Befa, co que segue a colleitar numerosos éxitos na actualidade. A súa dirección e dramaturxia para a montaxe Qui pro Quo, de Ollomoltranvía, foi recoñecida co Premio María Casares de Teatro que tamén acadara como actor con Anxeliños. Como autor e director realizou os espectáculos para a compañía Sapristi Hotel Run e So Sobre, que destacan na súa traxectoria pola súa singularidade e porque neles amosa o seu peculiar mundo surrealista. Para o Centro Dramático Galego interpretou espectáculos como As dunas, O ano do cometa ou O incerto señor don Hamlet.

Fomento do teatro para radio

O VI Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico pretende fomentar a escrita de textos dramáticos para a radio, facilitar o diálogo entre a dramaturxia contemporánea e o medio radiofónico e contribuír á recuperación desde unha perspectiva contemporánea do xénero de teatro radiofónico.

O certame prevé en realidade dous galardóns: o premio que outorga o xurado e o premio do público, resultante das votacións efectuadas pola audiencia. Cada un dos premios está dotado economicamente con 3.000 euros. As obras finalistas serán publicadas nun libro-cd dentro da colección de Edicións Xerais de Galicia. Tamén está previsto, como acto de entrega e comunicación dos premios, a celebración do denominado espazo radioescénico, unha emisión especial do programa Diario Cultural na que os actores e actrices interpretan, en directo e diante do público, algúns fragmentos das obras galardoadas.