Román Rodríguez gaba a vocación e entrega dos docentes para fomentar a integración, creatividade e innovación en idades temperás

Destaca a implicación crecente dos profesores galegos en ampliar os seus coñecementos en ámbitos como a dixitalización e innovación educativa

Refírese aos avances coa posta en marcha dos Polos Creativos, os Contratos Programa ou o Plan Proxecta, que se consolidan como ferramentas para apoiar o labor educativo

Sáb, 19/11/2022 - 11:51
r

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, inaugurou hoxe os Encontros de Educación Infantil e Primaria onde agradeceu os docentes a súa “vocación e entrega” á hora de fomentar a integración, a aprendizaxe, a innovación e a creatividade en Infantil e Primaria así como por apostar pola atención á diversidade desde idades temperás.

No encontro, que contou coa participación de máis de 500 profesores, o titular de Educación da Xunta puxo de manifesto a importancia destas iniciativas para “escoitar e aprender de todas as achegas nun momento no que a educación aposta por desenvolver todas as capacidades do alumnado e aplicar os coñecementos na resolución de problemas prácticos en todas as idades, onde os docentes son clave”.

Os participantes reflexionan sobre como avanzar e mellorar en aspectos como a atención á diversidade na aula e a creación de espazos que favorezan a aprendizaxe e o pensamento crítico. Neste sentido, salientou a posta en marcha de distintas ferramentas como os Polos creativos, os Contratos Programa ou o Plan Proxecta que están dando os seus froitos. “Así o reflicte o informe PISA que sitúan a Galicia á cabeza de España e por riba da media europea en aspectos como as competencias científicas e matemáticas ou en lectura”, indicou. 

Neste sentido referiuse á importancia da formación continuada que en Galicia está a ter moi boa resposta. “O demostra o Plan de Formación de Profesorado no que crece o interese por ampliar coñecementos en ámbitos como a dixitalización, innovación educativa ou novas tendencias”, engadiu.