A Xunta actualiza o procedemento de admisión nos centros escolares para facelo máis áxil, sinxelo e adaptado á administración electrónica

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a nova orde que substitúe a vixente desde o ano 2013 e adapta os seus contidos ao decreto posto en marcha o pasado curso

Facilítase a admisión dos alumnos nos centros escolares mediante a simplificación e a sistematización do proceso

O período de reserva de praza para aqueles alumnos que rematan etapa nun centro e pasan a outro adscrito será do 15 de xaneiro ao 4 de febreiro, e o de admisión para os de novo ingreso ou que mudan de centro de xeito voluntario será do 1 ao 20 de marzo

Substitúese o sorteo de letra -que no último curso tan só se aplicou no 0,7% dos casos- por un sorteo numérico como criterio subsidiario de desempate

Mar, 08/11/2022 - 15:11
c

Diario Oficial de Galicia publica hoxe a nova orde de admisión do alumnado en centros escolares que substitúe a que estaba en vigor desde o ano 2013 e adapta os seus contidos ao decreto de admisión que se comezou a aplicar o pasado curso.

O obxectivo desta nova orde -de aplicación para centros docentes sostidos con fondos públicos- é implementar un sistema de admisión máis estruturado, áxil, sinxelo e adaptado ás novas tecnoloxías. Nesta liña, o texto incorpora os diversos cambios derivados da implantación da administración electrónica, así coma melloras derivadas da experiencia dos últimos cursos coa aplicación admisionalumnado, a través da que as familias poden presentar as solicitudes e coñecer o seu estado de tramitación.

Na nova orde estrutúranse con maior claridade as diferentes fases do proceso de admisión (reserva, admisión ordinaria e escolarización extraordinaria) e modifícanse algúns prazos do procedemento. Así pois, de cara ao vindeiro curso 2023-24, a reserva de praza (para aqueles alumnos que rematan etapa nun centro e pasan a outro adscrito) estará aberta do 15 de xaneiro ao 4 de febreiro, e a ordinaria de admisión (para os que entran novos no sistema ou mudan de centro de xeito voluntario) mantense do 1 ao 20 de marzo.

Ademais, ao desaparecer os exames de recuperación, elimínase a referencia ao prazo de matrícula en convocatoria extraordinaria de ESO e Bacharelato e establécese un único prazo de matricula que vai entre o 23 de xuño e o 7 de xullo.

Substitúese o criterio subsidiario de desempate, pasando dun sorteo de letras a un numérico que se aplicará unicamente ás solicitudes empatadas en cada curso e centro, ordenadas en función dun número aleatorio asignado pola aplicación admisionalumnado no momento da gravación da solicitude, para determinar cal delas ocupará o primeiro lugar e os sucesivos (o mecanismo técnico pode consultarse no DOG).

Cómpre lembrar que o sorteo aplícase de xeito residual xa que é a última opción logo de esgotar todas as anteriores. A primeira opción de desempate segue sendo a maior puntuación obtida en cada un dos criterios de baremo seguindo a orde de prelación pola que aparecen no artigo 13 da propia orde (irmáns no centro, proximidade, renda per cápita, familia monoparental,...), e só se persiste o empate se acude ao sorteo, circunstancia que o curso pasado tan só afectou ao 0,7% das preto de 30.000 solicitudes recibidas. A propia orde define estes criterios e o xeito de acreditalos.

Unha das novidades é que para a presentación das solicitudes esíxese a sinatura co consentimento de ambas persoas proxenitoras, titoras ou acolledoras, establecendo o xeito de proceder no caso de falla do consentimento dunha delas.