A Xunta incrementa nun 50% as axudas ás familias con menos recursos para a compra de material escolar

Cada alumno que xa recibira o vale de 50€, obterá agora outro adicional de 25€ sen facer ningún trámite adicional

Máis de 90.000 alumnos benefícianse do vale de 75€, que será entregado tamén a calquera outro estudante que se incorpore durante o curso e teña dereito a ela

O Goberno galego amplía a partida de 5,5M€ prevista inicialmente para este fin ata case 8M€ para así contribuír a paliar á alza dos prezos pola inflación

En conxunto, o 75% das familias reciben apoio por parte da Xunta para adquisición de libros de texto, libro electrónico ou material escolar

Ven, 30/09/2022 - 13:16
i

O Consello da Xunta aprobou hoxe ampliar un 50% as axudas de material escolar para o alumnado galego. Deste xeito, o importe percibido polas familias da Comunidade increméntase desde os 50€ iniciais ata os 75€ que percibirán por cada neno. Para posibilitar este aumento, a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades incrementa en 2,5M€ os fondos para este fin, que pasan de 5,5M€ a case 8M€.

As familias que xa foron beneficiarias do vale de 50€ para a adquisición de material escolar non terán que realizar tramite algún. Unicamente terán que recoller o vale adicional de 25€ no centro a partir do día seguinte á publicación desta ampliación no Diario Oficial de Galicia (DOG). Por outro lado, o alumnado que se incorpore ao sistema educativo galego durante o curso, ata o 31 de marzo de 2023, e que teña dereito a recibir esta axuda, tamén poderá solicitala, beneficiándose deste xeito dos 75€ totais.

Beneficiaranse destas axudas máis de 90.000 alumnos, unha cifra que se poderá incrementar se se incorporan novos estudantes ao sistema educativo galego nos próximos meses procedentes doutros países ou comunidades autónomas.

Aforro de 107M€ ás familias

O obxectivo é contribuír a paliar á alza dos prezos xerada pola inflación que se está a vivir. En conxunto, o 75% dos alumnos galegos reciben axudas da Xunta para libros de texto, libro electrónico ou material. Esta nova medida enmárcase nas distintas medidas postas en marcha pola Xunta de Galicia para aforrarlle este curso ás familias 107M€ e que chegan tamén a outros ámbitos como os comedores ou as taxas universitarias.

Cómpre salientar que o programa da Xunta de Galicia de axudas para a adquisición de libros de texto e material escolar é un dos máis xustos do Estado, dado que vai en función da renda familiar, beneficiando máis aos que menos teñen. En concreto os vales de material van dirixidos ao alumnado matriculado en Educación Primaria e en ESO cunha renda per cápita familiar igual ou inferior a 6.000€. O alumnado en situación de garda ou tutela da Xunta e o de Educación Especial ou cunha discapacidade igual ou superior ao 65% recibe esta axuda con independencia da renda.