A Xunta concede tres novas mencións de Excelencia a Másteres Universitarios

Este ano súmanse a este recoñecemento os mestrados en Matemática Industrial (que imparten conxuntamente as tres universidades), en Computación de Altas Prestacións (entre as de Coruña e Santiago) e en Produción Xornalística e Audiovisual (da UDC)

Un total de nove mestrados universitarios galegos contan xa coa mención de excelencia, o selo de calidade pioneiro implantado pola Xunta hai tres anos

Dom, 25/09/2022 - 10:12
m

O Goberno galego vén de conceder a mención de Máster Universitario Excelente aos másteres en Matemática Industrial (impartido entre as universidades de Santiago de Compostela, da Coruña e de Vigo), en Computación de Altas Prestacións (entre a Coruña e Santiago) e en Produción Xornalística e Audiovisual (da Universidade da Coruña), tal e como pode consultarse no Diario Oficial de Galicia.

Deste xeito, xa son nove as titulacións que a día de hoxe acadan este selo de calidade pioneiro que implantou a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades hai tres anos, co obxectivo de fixar unha estratexia coordinada de impulso das universidades galegas na senda da excelencia.

As primeiras titulacións que obtiveron este recoñecemento -cunha vixencia de cinco cursos académicos e posibilidade de renovarse por períodos sucesivos de igual duración- foron os másteres en Enxeñería Informática e en Bioloxía Molecular, Celular e Xenética (ambos da Universidade da Coruña) e en Enxeñería Ambiental (Universidade de Santiago de Compostela) no ano 2020. No ano 2021 incorporaron este selo o máster en Bioinformática para Ciencias da Saúde (UDC), en Bioloxía Avanzada (conxunto entre UVigo e a UDC) e en Tradución para a Comunicación Internacional (UVigo).

Criterios de avaliación

As mencións outórganse logo de analizar e revisar toda a documentación acreditativa enviada polas universidades. Para a concesión do selo valoráronse os criterios de avaliación establecidos, que inclúen aspectos xerais do máster como a taxa de demanda, entidades públicas e privadas que colaboren directamente co máster, procedemento de selección do alumnado, porcentaxe de alumnado estranxeiro e a existencia de titorización e mentorización individuais, con ata 25 puntos. Tamén se valoraron con ata 25 puntos os resultados do máster, para o cal se tiveron en conta os resultados das enquisas de satisfacción do alumnado, o seguimento dos egresados no mercado laboral e os indicadores externos de recoñecemento (artigos, ránkings...).

O profesorado do máster computa con ata 15 puntos, con aspectos como os méritos relevantes do profesorado permanente, a adecuación do currículo docente e investigador do profesorado cos contidos que se imparten no máster, e o prestixio e recoñecemento do profesorado procedente doutras universidades ou doutros conferenciantes externos.

A estratexia do máster (visión, misión e desenvolvemento futuro, o plan de xestión para os cinco próximos anos académicos e as melloras previstas en caso de obter esta mención) puntúa con ata 20 puntos. Con ata 15 puntos valóranse o Plan de estudos (porcentaxe de prácticas no plan de estudos, créditos dedicados a prácticas obrigatorias en empresas, emprego de metodoloxías docentes innovadoras); e con ata 10 puntos o apartado de Emprendemento, no que se teñen en conta aspectos como a existencia ou o compromiso de inclusión dun módulo vinculado directamente cunha formación en emprendemento e autoemprego.