Un total de 140 estudantes das universidades galegas poderán beneficiarse das bolsas para realizar programas de mobilidade en países extracomunitarios

A dotación para cada persoa será dun máximo de 1.700€

O obxectivo é favorecer a participación do alumnado nestas experiencias que melloran o seu haber lingüístico e cultural

O prazo desta convocatoria, dotada con 238.000€, abre ata o 24 de outubro

Xov, 22/09/2022 - 15:45
e

A Xunta de Galicia vén de convocar no Diario Oficial de Galicia as bolsas destinadas ao alumnado do Sistema Universitario de Galicia (SUG) que participa en programas de mobilidade con países extracomunitarios no curso 2022-2023, das que poderán beneficiarse un total de 140 estudantes. A dotación económica asignada a cada persoa beneficiaria será dun máximo de 1.700 euros.

O obxectivo desta liña de axudas, que conta cun orzamento total de 238.000€, é favorecer a participación da mocidade galega en programas de mobilidade en universidades estranxeiras que lles permitan incrementar o seu haber lingüístico e cultural.  A natureza destas experiencias permítelle ao alumnado integrarse nunha comunidade internacional e multicultural que mellorará os seus coñecementos académicos, profesionais e persoais en xeral.

Poderá solicitar estas bolsas o alumnado universitario que estea matriculado no curso 2022/23 en calquera das universidades públicas do Sistema Universitario de Galicia, en estudos oficiais conducentes a unha titulación de grao e que teña autorizada a súa participación no programa de mobilidade pola súa correspondente universidade.

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 24 de outubro. Formalizaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través da sede electrónica da Xunta de Galicia. Unha vez formalizada a solicitude, deberá ser asinada pola persoa interesada con calquera dos sistemas de sinatura admitidos pola sede electrónica e enviala polo procedemento electrónico establecido.