O Consello da Xunta aproba os currículos de primaria, secundaria e bacharelato cunha aposta polo reforzo de competencias e a calidade educativa

Con este paso conclúe a tramitación administrativa dos decretos destas etapas, cuxos contidos -igual ca nos de infantil, que se aprobou a semana pasada-, son públicos desde hai cinco meses, cando a Consellería de Educación avanzou os textos para garantir a planificación e organización do curso escolar

O Goberno galego cumpre cos prazos comprometidos de estaren listos no inicio do curso, pese ao atraso do Goberno central en publicar a parte estatal

Cada un dos textos curriculares recolle os principios e fins de cada etapa, a estrutura académica dos cursos, a organización e estrutura curricular das materias, as programacións didácticas, o papel da titoría e os criterios de avaliación e promoción, entre outros

Na etapa de primaria fortalécese a área lingüística e as competencias STEM

En secundaria refórzase a área científico-matemática coa nova materia de Tecnoloxía e dixitalización

En bacharelato establécese unha materia optativa potente enfocada a unha formación máis competencial e especializada

Xov, 15/09/2022 - 19:47
c

O Consello da Xunta acaba dar luz verde aos decretos polos que se establece a ordenación e os currículos da educación primaria, da educación secundaria obrigatoria e do bacharelato adaptados á LOMLOE, que serán publicados no Diario Oficial de Galicia nos vindeiros días.

Con este paso, o Goberno galego dá por rematados os trámites administrativos dos currículos de todas as etapas educativas -o de educación infantil xa foi aprobado a semana pasada-, cuxos textos xa eran coñecidos desde o pasado mes de abril, cando a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades os presentou publicamente co fin de garantir a organización e planificación deste curso e minimizar o impacto da tardanza do Goberno central en aprobar a parte estatal.

Ao longo dos diferentes artigos, títulos e disposicións en que se estrutura cada un dos currículos recóllense os ámbitos de aplicación, os principios e fins de cada etapa, a estrutura académica dos cursos, a organización e estrutura curricular das materias que se van cursar, as programacións didácticas, o papel da titoría e os criterios de avaliación e promoción, entre outros.

Nos textos dos decretos consolídanse todos os aspectos novidosos que xa foron dados a coñecer no seu día en canto ás novas materias e á súa distribución e carga horaria, enfocada ao reforzo das áreas lingüísticas, humanísticas, matemáticas e científicas. Exemplo disto é a introdución da Filosofía na ESO ou o reforzo de contidos humanistas en bacharelato, que non figuran nos textos estatais. Igualmente, incorpóranse as notas numéricas correspondentes a cada cualificación literal que fixa o ministerio. Todo isto enfocado a reforzar o modelo de éxito do sistema educativo galego sostido sobre os piares da calidade, da equidade e da igualdade de oportunidades.

Etapa de educación primaria

A etapa de educación primaria está concibida con tres ciclos de dous cursos cada un que abranguen entre os 6 e os 12 anos, cunha carga e distribución horaria de cinco sesións lectivas que suman un total de 25 sesións semanais.

Desde o punto de vista académico, unha das principais novidades para esta etapa en Galicia, tal e como xa coñecen os centros desde o pasado abril, é o reforzo da área lingüística con dúas horas máis (unha en Lingua galega e literatura e outra en Lingua castelá e literatura) en 6º curso de primaria, ata acadar as 24 sesións no conxunto da etapa. Tamén se dá un impulso ás competencias tecnolóxicas cun bloque completo de contidos STEM (de matemáticas, ciencia, tecnoloxía e dixitalización) na materia de Ciencias naturais, desde unha perspectiva aplicada de coñecementos matemáticos a situacións na vida real.

Desde a perspectiva estrutural, a área de Educación artística preséntase desdobrada en dúas que son a de Educación plástica e visual por un lado, e a de Música e danza, por outro, cun currículo diferenciado e adaptado para cada unha delas.

O texto tamén recolle para a área de Educación en valores cívicos e éticos (6º curso de primaria) a identidade e o currículo propios e non como unha alternativa ao alumnado que curse Relixión.

Tamén se establece un currículo propio para a materia de Proxecto competencial de centro, que cursará o alumnado que non escolla Relixión, tanto en primaria como en secundaria. Nesta nova materia, os alumnos traballan competencias transversais a través do desenvolvemento dun proxecto desde a súa fase inicial de concepción e idea, as intermedias de planificación e deseño e a fase final de presentación e exposición. Todo desde unha perspectiva de colaboración, reforzo da autoestima, da autonomía e da responsabilidade.

Outra das novidades que se regulan por primeira vez é que se lles ofrece aos centros a posibilidade da agrupación de áreas de coñecemento, sempre mantendo os obxectivos, os criterios de avaliación e os contidos das áreas que conforman a agrupación.

Etapa de educación secundaria obrigatoria

O currículo desta etapa ten en conta o tránsito desde primaria á hora de establecer a carga horaria de cada materia. Neste caso, refórzase a área matemático-científica cunha nova materia obrigatoria que é Tecnoloxía e dixitalización, en 1º e 2º curso da ESO. Igual ca en primaria, no deseño do currículo da ESO, a Consellería, atendendo aos criterios técnicos dos grupos de traballo, tivo en conta o tránsito entre as etapas e o mantemento da carga horaria. Precisamente, atendendo a esta transición, as dúas sesións de Lingua galega e literatura e Lingua castelá e literatura que ata o de agora se impartían en 1º da ESO trasládanse a 6º de primaria e, deste xeito, mantense a carga horaria total das áreas lingüísticas en todo o período de ensino obrigatorio.

Outra das novidades máis salientables é que, a maiores das establecidas no bloque estatal, en Galicia, os alumnos poderán cursar unha materia optativa autonómica cunha carga lectiva de tres sesións/semana para elixir entre Cultura clásica, Oratoria, Educación dixital e Segunda lingua estranxeira en 3º de ESO, e entre Cultura clásica, Oratoria e Filosofía en 4º curso. Así pois, a parte galega do currículo recolle e regula o currículo de Filosofía para secundaria que non figura na parte estatal.

Tamén se introducen catro sesións de libre disposición de centro (a razón de dúas en 1º curso e outras dúas en 2º) co fin de reforzar a autonomía dos centros para reforzar aquelas áreas que consideren necesario en cada caso.

Así mesmo, dáselle a posibilidade aos centros de agrupar materias en ámbitos competenciais para os tres primeiros cursos da etapa e, igual que ocorre en primaria, estes agrupamentos deberán incluír os obxectivos, os criterios de avaliación e os contidos das materias que os conforman, así como o horario asignado ao conxunto delas.

Etapa de bacharelato

O currículo de bacharelato aborda a organización das materias desta etapa (comúns, específicas de modalidade e optativas) e a organización do bacharelato nas catro modalidades que fixa o marco xeral: a de Artes (dividida pola súa vez na vía de Artes plásticas, imaxe e deseño e na de Música e artes escénicas), a de Ciencias e tecnoloxía, a de Humanidades e ciencias sociais e a xeral.

Atendendo á estrutura xeral, Galicia deseñou unha materia optativa de catro sesións/semana para escoller entre un amplo abano que abrangue temáticas vinculadas ás ciencias, ás tecnoloxías e ás humanidades e entre as cales cómpre destacar a de Xeografía, historia, arte e patrimonio de Galicia no 2º curso de bacharelato. O obxectivo desta optativa é xerar itinerarios formativos potentes na procura dunha formación máis competencial e especializada.

Así mesmo, en 1º de bacharelato refórzase a Educación física cunha sesión lectiva máis á semana ata un total de tres (ata o de agora eran dúas). E os centros dispoñen dunha sesión lectiva de libre disposición que, desde a súa autonomía, poden organizar de xeito que lles garantan unha debida atención educativa a eses alumnos.

Doutra banda, o decreto regula, por primeira vez, a posibilidade de cursar o bacharelato en tres anos académicos. Isto poderano facer aqueles alumnos que, ademais de bacharelato, cursen de xeito simultáneo ensinanzas profesionais de música ou de danza; ou ben que acrediten a consideración de deportista de alto nivel ou de alto rendemento; ou ben que requiran dunha atención educativa diferente á ordinaria por presentar algunha necesidade específica de apoio educativo.

Así mesmo, tamén se regula con claridade a posibilidade de obter o título de bacharelato desde outras ensinanzas, como é o caso de superar as materias comúns e ter o título de técnico en formación profesional, en artes plásticas e deseño ou que superasen ensinanzas profesionais de música ou de danza.