Título node Learning object

Plan de acción para o desenvolvemento da poboación xitana 2010-2012
Xov, 12/01/2012 - 13:58
Plan de acción para o desenvolvemento da poboación xitana 2010-2012

A igualdade no acceso e goce dos dereitos sociais e a garantía dunha axeitada protección social son elementos clave no noso estado de benestar. Polo tanto é esencial que os poderes públicos sexan capaces de asegurar o benestar de toda a cidadanía, eliminando as desigualdades e a discriminación e favorecendo a participación na vida pública de toda a poboación en igualdade de condicións.

Así, as Administracións públicas propoñen políticas que intentan superar os efectos da exclusión, a discriminación e as desigualdades entre a poboación. Ás veces con medidas positivas de carácter compensatorio e  outras veces regulando dereitos básicos.

Nos últimos anos viñéronse realizando actuacións para favorecer o desenvolvemento e a promoción da poboación xitana e os resultados obtidos nestes anos de implantación e desenvolvemento de programas e proxectos de carácter integral, deron resultados moi positivos, pero continúan sendo insuficientes.

O desenvolvemento de políticas compensatorias cara aqueles sectores da poboación afectados por desvantaxes económicas e sociais ou por desigualdades de trato en razón da orixe étnica, é un dos principais obxectivos dos estados democráticos, como é o Estado Español. De xeito paralelo, a lexislación española foise adecuando á normativa de carácter internacional.

Na última lexislatura o Goberno comprometeuse a dedicar unha atención especial a á poboación xitana, e a aprobar un PLAN DE ACCIÓN 2010-2012,  coa intención de mellorar as súas condicións de vida, tendo unha participación moi activa no seu deseño o Consello Estatal do Pobo Xitano, e tendo en conta as iniciativas propostas polos grupos de traballo deste (educación, emprego e actividade económica, acción social, saúde, cultura e vivenda), nos que están representados os distintos Ministerios e as organizacións do movemento asociativo da poboación xitana, así como resultados e conclusións de diferentes investigacións e estudos promovidos desde a Administración, que ofrecen un diagnóstico da situación que sirve de base para o establecemento de actuacións en favor da poboación xitana.

Para a posta en práctica de determinadas medidas contidas neste Plan, precisarase do impulso que cada departamento ministerial está a desenvolver no marco de cooperación establecido coas comunidades autónomas, entre as que está a Comunidade Autónoma de Galicia.