A Cidade da Cultura presenta a segunda edición do ciclo de música clásica para nenos ‘Pequeclassics’

O ciclo comezará o vindeiro 22 de xaneiro coa actuación de “O poliño feo”, un teatro de monicreques con música en directo. As entradas para este espectáculo xa están á venda por un prezo económico en www.servinova.com
‘Pequeclassics’ contará con dúas sesións por cada actuación, ás 12:00 e ás 17:00 horas, dando resposta á demanda do público que participou na primeira edición deste ciclo infantil
O ciclo ‘Pequeclassics’ foi unha das actividades máis valoradas da programación da Cidade da Cultura ao longo de 2011, coa totalidade das entradas vendidas nas primeiras 24 horas e unha puntuación global media de 9 sobre 10.
Mar, 10/01/2012 - 14:10
A Cidade da Cultura presenta a segunda edición do ciclo de música clásica para n
A Cidade da Cultura presenta a segunda edición do ciclo de música clásica para nenos ‘Pequeclassics’

A Cidade da Cultura pon en marcha a segunda edición de Pequeclassics, un ciclo que trata de achegar a música clásica e a ópera aos máis pequenos a través do xogo e a diversión, tendo en conta que educar o sentido da melodía, do ritmo e ata o sentimento é posible mediante a aproximación dos nenos á música. A primeira cita será o vindeiro domingo 22 de xaneiro con “O poliño feo”, onde o conto popular será o eixe condutor dunha obra de teatro de monicreques e luz negra con música interpretada en directo.

Tras a extraordinaria acollida por parte do público de Pequeclassics en 2011, a Cidade da Cultura decidiu seguir apostando por un ciclo que logrou vender a totalidade das súas entradas nas primeiras 24 horas das catro sesións realizadas, ademais de lograr unha moi alta valoración media: 9 sobre 10. E faino dando resposta a unha das principais demandas dos usuarios: aumentar o número de pases de cada sesión para permitir que máis nenos poidan beneficiarse desta actividade. Deste xeito, todas as obras terán un primeiro pase ás 12:00 horas e outro ás 17:00 horas.

Deste xeito, a compañía Viravolta presentará a obra “O poliño feo” o domingo 22 de xaneiro, un espectáculo de luz negra protagonizado por monicreques e con música en directo. Dirixida a nenos de máis de tres anos, as entradas para as dúas sesións desta obra xa poden adquirirse en www.servinova.com a un prezo de tres euros máis gastos de xestión. Pequeclassics continuará o domingo 12 de febreiro con “Ensalada de instrumentos”, un percorrido pola historia da música e as diferentes familias de instrumentos da man de Os Tres Tenedores, un grupo de musicólogos e docentes con ampla experiencia, que introducirán aos nenos na arte de tocar e diferenciar os sons.

Xa en marzo, a cita con Pequeclassics será o domingo 4 con “O son dos metais”, un novo concerto didáctico para maiores de cinco anos a cargo do Grupo de Metais Santa Cecilia de Ferrol, que a través de pezas clásicas de Bach, Mozart ou Rossini darán a coñecer a riqueza sonora dos instrumentos de vento metal. No mes de abril chegará o espectáculo “Paxaro de lume”, unha adaptación da obra de Igor Stravinsky que se representará o domingo 8 nun teatriño inspirado nos espectáculos de marionetas do barroco e coa presenza de músicos en escena a cargo da compañía pontevedresa Viravolta.

Un novo concerto didáctico será o protagonista da sesión de maio. Nesta ocasión, a Fundación de L´Auditori de Barcelona interpretará “Corda e Recorda” o 13 de maio, onde os nenos maiores de tres anos aprenderán a distinguir as diferentes sonoridades de cada instrumento. Asemade, a ópera volverá ter o seu oco nesta segunda edición de Pequeclassics a través da obra “Érase unha vez a ópera”, que terá lugar o 10 de xuño para nenos maiores de seis anos. Ambientada nunha clase a principios do século XIX, a compañía Ópera Divertimento de Bilbao introducirá ao público na historia da ópera e do seu marabilloso mundo a través dunha conversa entre un mestre e unha alumna.