A Xunta impulsa o aforro enerxético en infraestruturas educativas cun investimento de 208.000 € para a dotación de instalacións solares fotovoltaicas en 13 centros

A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades vén de licitar un paquete de obras en 12 centros de Educación Especial e un colexio para a instalación destas fontes renovables encamiñadas á redución do consumo ao tempo que mellorar o confort

O Goberno galego foi pioneiro na posta en marcha dun Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica que, entre outras medidas, contempla accións específicas para acadar espazos máis sostibles e cunha maior calidade ambiental

Ademais das instalacións fotovoltaicas, Educación ten en marcha outras actuacións con este mesmo obxectivo, como é a rehabilitación integral de colexios e institutos e a instalación de centrais de biomasa

Lun, 01/08/2022 - 14:09

A Xunta de Galicia dálle un novo impulso ao aforro enerxético nas infraestruturas educativas coa licitación dun paquete de obras para a dotación de instalacións solares fotovoltaicas en 12 centros de Educación Especial e un Colexio Público Integrado, que suman un investimento total de 208.000 euros.

A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidade vén de licitar a contratación de ditas obras que atinxen aos centros de Educación Especial María Mariño e Nosa Señora do Rosario (ambos na Coruña); Terra de Ferrol (Ferrol), A Barcia, López Navalón e O Pedroso (en Santiago de Compostela), Santa María (Lugo), Miño e O Pino (Ourense), Panxón (Nigrán), Saladino Cortizo (Vigo), Vilagarcía (Vilagarcía de Arousa) e o Colexio Público Integrado Arquitecto Palacios (en Nigrán).

Estas obras enmárcanse dentro do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta do Goberno galego que senta os piares para a construción e reforma dos centros educativos nos vindeiros anos con espazos máis sostibles e cunha maior calidade ambiental. De feito, do total de 191M€ de orzamento do Plan, o 40,5% (77,5M€) están destinados a actuacións de sostibilidade e eficiencia enerxética.

Este paquete de obras que agora se licitan engádense a outras accións con este mesmo fin como as reformas enerxéticas e rehabilitacións integrais en colexios e institutos das catro provincias e a instalación de centrais térmicas de biomasa.

Unha Galicia máis verde

Con estas actuacións -cofinanciadas con fondos Feder dentro do marco operativo Galicia 2014-2020- lograrase aumentar a proporción no consumo final de enerxía das fontes renovables para produción de electricidade, incluídas as redes de transporte e distribución necesarias para a súa integración no sistema eléctrico.

Así pois, avánzase no impulso á renovación das instalacións públicas a través da redución do impacto medioambiental acadando un sistema de calefacción máis eficiente desde o punto de vista enerxético ao tempo que se promove unha cultura de respecto ao medio entre o alumnado, todo ilo encamiñado cara unha Galicia máis verde.