O Padroado da Fundación Rof Codina aproba a súa adscrición á Universidade de Santiago de Compostela

A decisión susténtase en motivos técnicos e ten como obxectivo aproveitar todas as potencialidades do hospital e do CEBIOVET, desde o punto de vista veterinario, docente e investigador

A Xunta de Galicia continuará a ser a entidade que máis apoio orzamentario preste a esta fundación, integrada polo Concello, a Deputación e a propia USC

Xov, 28/07/2022 - 16:59
r

O Padroado da Fundación Rof Codina aprobou hoxe a súa adscrición á Universidade de Santiago de Compostela (USC), fundación que ata o momento estaba adscrita á Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades. A decisión susténtase en motivos técnicos e ten como obxectivo aproveitar todas as potencialidades do Hospital e do Centro de Biomedicina e Veterinaria (CEBIOVET), desde o punto de vista veterinario, docente e investigador, mantendo os servizos que presta e reforzando o seu papel universitario de cara á reforma do Plan de Estudos de Veterinaria.

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, presidiu a reunión na que se ratificou a decisión e onde sinalou que a Xunta de Galicia continuará a ser a entidade que máis apoio orzamentario preste a esta fundación, integrada polo Concello, a Deputación e a propia USC.

A Fundación constituíuse en 1994 para a xestión do Hospital Veterinario Universitario de Lugo, ao que en 2016 se engadiu o Centro de Biomedicina e Veterinaria. Ten por obxecto fundacional o apoio permanente a docencia clínica da Facultade de Veterinaria de Lugo, co fin de favorecer a maior correspondencia posible entre a docencia teórica da facultade e as ensinanzas que en materia clínica poida proporcionar o Hospital Veterinario Universitario, así como o apoio á investigación desenvolvida no CEBIOVET.

Co cambio de adscrición búscase optimizar todas as estruturas de docencia e investigación tanto do hospital como do CEBIOVET. Neste sentido, búscase unha mellor coordinación docente entre a Facultade de Veterinaria e o hospital para a formación teórica e práctica en áreas clínicas, coincidindo coa reforma do plano de estudos do grao en Veterinaria, no que este pasará a ser de seis anos.

Así mesmo, o cambio permitirá mellorar a integración das actividades investigadoras e docentes de posgrao que se realizan no CEBIOVET, así como a integración da actividade de Radioterapia e do laboratorio de Radiofísica.

Por outra banda, na nova etapa abordaranse outras cuestións como o impulso da dixitalización da Historia Clínica Veterinaria ou a coordinación da formación de titulados de FP no ámbito das ciencias biomédicas e a súa expectativa de acceso á formación universitaria.