A Xunta reforza ata os 3,3 M€ o investimento no Campus Industrial de Ferrol para impulsar accións estratéxicas de investigación e internacionalización

O conselleiro Román Rodríguez sinala que a especialización dos campus periféricos é “unha oportunidade de futuro” que, no caso de Ferrolterra, “vai ter un impacto positivo no eido do naval e do sector industrial”

Desde que arrancou como proxecto en 2015, a inxección de fondos económicos do Goberno galego ascenden a preto de 6,2 M€

O programa de especialización do campus ferrolán é único a nivel nacional e o primeiro acreditado de Galicia

Ven, 22/07/2022 - 12:07

A Xunta de Galicia reforza ata os 3,3M€ o investimento no Campus Industrial de Ferrol para impulsar accións estratéxicas de investigación, transferencia de coñecemento e internacionalización neste campus de especialización único a nivel nacional e o primeiro acreditado de Galicia.

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, acompañado pola delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros; e o reitor da Universidade da Coruña (UDC), Julio Abalde, asinaron esta mañá o acordo para formalizar un reforzo orzamentario de 1,5M€ que se suman aos 1,8M€ iniciais de 2021, polo que a inxección de fondos por parte do Goberno galego elévase a un total de 3.326.100€ ata 2023. Así pois, o investimento total de fondos públicos da Xunta para este proxecto elévase a preto de 6,2M€ desde que arrancou no ano 2015 (2,85M€ no período 2015-2020 e 3,33M€ no período 2021-23).

O conselleiro Román Rodríguez sinalou a dinámica de especialización dos campus periféricos impulsada pola Xunta “é unha oportunidade de futuro para as distintas áreas en particular e para Galicia en xeral”. “No caso deste campus, -engadiu-, falamos dun proxecto sólido que, de seguro, vai ter un impacto positivo en toda a comarca de Ferrolterra, xa que está centrado en dous focos estratéxicos moi vencellados ao territorio, que son o naval e oceánico e o sector industrial”.

Desenvolvemento da contorna

Iniciado no 2015, o proxecto de Campus Industrial de Ferrol obtivo a acreditación de especialización en marzo de 2021 (un selo de calidade ao que recentemente se vén de sumar o Campus Terra da USC en Lugo), o que lle permite, entre outros efectos, potenciar as súas estruturas de investigación e estreitar as relacións coas empresas da contorna, o que repercutirá no desenvolvemento da cidade e da comarca.

Desde a súa posta en marcha e ata o 2020 o investimento da Xunta de Galicia para o desenvolvemento de accións ligadas á acreditación do Campus Industrial de Ferrol foi de 2,85 M€ que sumados aos 3,3 M€ para o período 2021-23, fai que o investimento total de fondos públicos autonómicos para este proxecto se eleve a preto de 6,2 M€ desde o seu inicio.

Ao abeiro deste reforzo orzamentario, na área de investigación, impulsarase a captación e retención de talento investigador, co obxectivo de contratar persoal investigador posdoutoral con proxección e ampla traxectoria internacional e predoutoral con mención internacional. Ademais, desenvolverase un programa de doutoramento industrial que facilite a conexión co tecido produtivo e potenciarase a presentación de candidaturas a proxectos europeos, entre outras accións.

No referido á transferencia de coñecemento, reforzarase a unidade de relación industrial do campus e organizaranse misións tecnolóxicas directas e inversas con empresas e institucións para dar a coñecer as capacidades e posibilidades de colaboración en materia de I+D. Así mesmo, apoiarase a transferencia e comercialización das patentes, rexistros software ou modelos de utilidade que se desenvolvan no campus.

Internacionalización

Coa finalidade de dar unha maior visibilidade nacional e internacional ao Campus Industrial de Ferrol, apoiaranse accións como o reforzo e incremento dos títulos compartidos con outras universidades, a potenciación dos títulos bilingües, a mobilidade e internacionalización da docencia mediante prácticas en empresas internacionalizadas e a colaboración con institucións universitarias estranxeiras.

Así mesmo, impulsarase a colaboración e afondarase na relación con institucións universitarias e centros de investigación estranxeiros, identificando as liñas de traballo que permitan desenvolver proxectos de investigación en conxunto.

No que atinxe á oferta académica, darase continuidade ao plan de formación continua en industria intelixente, con seminarios e actividades en relación aos sectores industriais estratéxicos e impulsarase a captación de estudantes a nivel nacional.

Por outra banda, favorecerase unha gobernanza profesional, participativa e conectada coa sociedade, a través da contratación de técnicos de coordinación, administrativo, de comunicación e difusión, de apoio ao I+D e de apoio en sistemas informáticos e de indicadores que colaboren nesta xestión.