O conselleiro de Educación reúnese con auxiliares de conversa ucraínas para facilitar a súa integración no sistema educativo galego

A metade delas renunciaron ao destino que lles adxudicou o Ministerio de Educación, dado que o Goberno central asignou os centros sen ter en conta a realidade xeográfica da Comunidade galega

A Xunta ofrécelles un centro de referencia próximo á súa vivenda e apoiaraos con medios electrónicos para que presten servizos en centros fóra das áreas urbanas

Sáb, 28/05/2022 - 12:12
u

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, reuniuse esta semana con catro das seis auxiliares de conversa ucraínas que van prestar apoio á integración dos estudantes deste país nos centros da nosa Comunidade. O obxectivo do encontro foi facilitar a integración destas seis mulleres no sistema educativo galego, tras a adxudicación aleatoria de destinos que realizou o Ministerio de Educación y FP.

As auxiliares son persoas con residencia xa en Galicia e cun nivel de estudos e do idioma ucraíno suficiente para desenvolver o seu nivel en centros educativo. A forma de asignarlles colexio escollida polo Goberno central, sen ter en conta o lugar onde está a súa vivenda, fixo que a metade delas (en concreto as destinadas a Ourense, Cariño e A Pobra de Trives) renunciasen.

Coa finalidade de buscar unha solución a este fallo de organización por parte do Ministerio, o conselleiro ofreceulles un centro de referencia próximo ao seu lugar de residencia. Así mesmo, a Xunta porá ao seu dispor medios electrónicos para que estas persoas poidan prestar apoio ao alumnado de concellos situados fóra das áreas urbanas.

Falta de coordinación

“O xeito de proceder do Ministerio, ignorando a realidade xeográfica  de Galicia, a imposibilidade  práctica de desprazarse aos centros asignados e que o importe da bolsa que se lles ofrece, 700€ ao mes, non é suficiente para realizar unha mudanza, está a xerar moitos problemas”, sinalou o conselleiro, que explicou que esta situación se está a producir en numerosas comunidades autónomas.

“Desde Galicia solicitamos desde o primeiro momento ao Ministerio de Educación un plan integral para afrontar a escolarización de alumnado ucraíno pero, lonxe de ofrecer recursos e solucións, o Goberno central está a crear novos problemas”, lamentou.

Así mesmo, o conselleiro sinalou que este apoio “chega moi tarde, con moito retraso, dado que estamos a piques de rematar o curso”.

Recursos para a adaptación

O representante da Xunta destacou que o Goberno galego traballou desde o primeiro momento en prol dunha acollida escolar ordenada, na que se garantiu tanto a escolarización como os servizos gratuítos de transporte, comedor e material escolar.

Neste momento a Consellería ten a disposición dos máis de 650 alumnos ucraínos escolarizados na nosa Comunidade e dos todos os centros un espazo web específico sobre Ucraína con recursos e materiais didácticos deseñados para favorecer o proceso de adaptación e integración nas aulas, así como un modelo de Guía de Plan de Acollida para facilitar unha adaptación o máis efectiva posible.

Todos estes materiais foron elaborados coas achegas de orientadores así como dun grupo de traballo de profesionais do Comité Educativo e da Xunta Autonómica de Directores e de equipos directivos con experiencia previa en acollida de alumnado estranxeiro.

Ademais, no marco do programa Educa en Dixital, todo alumno ucraíno que o precise pode dispoñer dun ordenador con conexión á rede con equipos configurados para os idiomas galego, castelán e ucraíno, e os teclados identificados con pegatinas específicas para a escritura en ucraíno.