Galicia propón un novo modelo de carreira docente único e homoxéneo coa potenciación da formación en competencias e un máster dual a nivel nacional

A Consellería presenta un borrador de propostas que será complementado e debatido coas achegas de todos os axentes implicados para plasmalo nun documento final que será elevado ao Ministerio

Román Rodríguez asegura que se busca “elaborar unha verdadeira proposta de país neste proceso de mellora e transformación da carreira profesional docente”

Lembra que o Goberno galego, xa en 2017, foi pioneiro na creación dun grupo de traballo para o deseño dun Marco de Competencias para elevar os estándares de prestixio e excelencia

Mar, 22/03/2022 - 19:06

Galicia traballa nun novo modelo de carreira profesional docente que permita seguir avanzando na mellora da calidade do sistema educativo galego a través dun conxunto de accións académicas específicas dirixidas á formación universitaria do profesorado e ao acceso á función docente.

Así o expuxo hoxe o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, nunha reunión de traballo na que participaron os reitores das universidade de Santiago de Compostela e de Vigo, Antonio López e Manuel Reigosa respectivamente, a vicerreitora de Planificación Académica e Innovación Docente da Universidade da Coruña, Nancy Vázquez Veiga, decanos e representantes das facultades de Educación galegas, das tres universidades e de todos os departamentos da Consellería.

Nesta xuntanza, a Consellería de Educación deu a coñecer un borrador que agora deberá ser analizado, mellorado e complementado por parte de todos os axentes implicados co obxectivo de pechar un documento final que Galicia trasladará ao ministerio na próxima Conferencia Sectorial de Educación. Trátase, segundo explicou o conselleiro, de “elaborar unha verdadeira proposta de país que inclúa as demandas de Galicia neste proceso de mellora e transformación da carreira profesional docente”.

Galicia pioneira

En liña con isto, Román Rodríguez lembrou que Galicia xa foi pioneira, en 2017, na creación dun grupo de traballo para a abordaxe dun marco de competencias profesionais docentes que permitise “dar coherencia a todas as etapas de formación e para elevar os estándares de prestixio e excelencia dos noso profesionais”, que foi elevado posteriormente ao Ministerio de Educación.

Accións específicas

A falta de pechar este documento final, neste borrador inicial debatido hoxe apóstanse por un novo modelo de carreira profesional docente único e homoxéneo para o conxunto do Estado.

A primeira das propostas recollidas é a definición dun sistema de acceso á formación inicial (graos universitarios) cunha ABAU de ámbito nacional, que tenda a unha maior homoxeneización e cun carácter máis competencial.

En liña con isto, tamén se propón unha reformulación da Práctica Inicial Docente (PDI) que, no caso de Infantil e Primaria, debería estar enfocada a potenciar a formación en competencias e á formación científica, así como a posibilidade de introducir un período de prácticas de carácter dual.

No caso de Secundaria, proponse a introdución de créditos optativos sobre educación e didácticas nos graos que permitan acceder ao máster de Secundaria e un modelo de especialización por ámbitos en lugar de por materias. Outra das propostas que se inclúe é a organización dun máster dual de acceso á función docente que teña carácter nacional. Isto é, que se acceda mediante unha proba única e homoxénea para todas as comunidades autónomas. O máster de Secundaria tería, por tanto, unha fase académica dun ano de duración que se faría nas facultades de Educación, e unha segunda fase de formación intensiva e práctica docente nun centro educativo baixo a dirección dos profesores titores tanto da facultade coma do centro.

Outro dos polos de traballo é o sistema de acceso ao exercicio da profesión docente, coa acreditación da capacitación docente, e tamén o desenvolvemento profesional mediante a definición de niveis, cun primeiro nivel de docente novel (período inicial de acompañamento e traballo tutelado no centro educativo durante dous anos) e a consolidación da categoría de funcionario.