A Xunta convoca os novos contratos de investigación científica na modalidade posdoutoral de continuidade

Poderán concederse ata 23 axudas, cunha dotación de 49.000€/ano por beneficiario durante dous anos

Van destinados a iniciar liñas de investigación propias que lles permita consolidar a súa traxectoria

Estas axudas enmárcanse na aposta do Goberno galego por favorecer a carreira científica e o desenvolvemento dun sistema galego de investigación forte especializado

Ven, 21/01/2022 - 11:43

A Xunta de Galicia vén de abrir o prazo da convocatoria de contratos posdoturais correspondente ao ano 2022 que impulsan a Consellería de Cultura, Educación e Universidade e a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, a través dunha dotación económica de 2.369.000€.

Ao abeiro desta convocatoria que hoxe publica o Diario Oficial de Galicia, poderanse conceder ata 23 axudas (20 para as universidades do Sistema Universitario Galego e tres no resto de entidades beneficiarias) de dous anos, por un importe total máximo de 49.000 euros anuais cada unha delas.

Así pois, os beneficiarios -que teñen de prazo ata o 22 de febreiro para formalizar a solicitude- disporán dun contrato de dous anos de duración e unha axuda complementaria para o establecemento dunha liña de investigación propia, co fin de dar continuidade á carreira investigadora destas persoas, posibilitando un perfeccionamento na súa formación e o establecemento dunha liña de investigación propia que lles permita, nun futuro, consolidar a súa traxectoria.

O importe das axudas nesta modalidade e cuxos contratos se formalizarán a partir do próximo 1 de maio, destinarase a pagamento dos contratos, custos sociais, axuda para a creación dunha liña de investigación propia e complementos a cada entidade beneficiaria por persoa contratada. Entre os gastos considerados elixibles, asociados á creación dunha liña de investigación propia, están a compra de pequeno equipamento inventariable e material funxible ou material bibliográfico, a contratación de persoal investigador ou auxiliar, ou os gastos derivados do uso de ferramentas de xestión do coñecemento e a información, tales como aplicacións informáticas, bases de datos, entre outros.

Tal e como se reflicte na orde do DOG, seguindo a Lei 13/2021 en materia de igualdade, na convocatoria introdúcense mecanismos correctores e obxectivos no sistema de puntuacións para evitar a discriminación ou penalización de mulleres e homes en casos de maternidade, paternidade, garda con fins de adopción ou acollemento, risco durante o embarazo e/ou lactación e incapacidade temporal asociada ao embarazo ou por razóns de violencia de xénero ou calquera tipo de acoso.

Deste xeito, o Goberno galego implementa un ano máis o programa de formación posdoutoral que ten por obxectivo incorporar persoal investigador ao sistema de I+D+i galego, fomentar a adquisición e perfeccionamento das súas competencias, favorecer a mobilidade internacional e posibilitar a continuación da formación de doutores co establecemento dunha liña de investigación propia.