Convocatoria do II Concurso de Curtas Senda Litoral de Galicia

Mar, 18/01/2022 - 18:08

Resolución da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional da Consellería de Cultura, Educación e Universidade pola que se aproban as bases e se convoca a segunda edición do Concurso de Curtas Senda Litoral de Galicia.

A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional convocan o Concurso de Curtas Senda Litoral de Galicia. Este certame, que conta ademais coa colaboración da Axencia de Turismo de Galicia, a Fundación Galicia Sustentable, Enerxías de Portugal Renovables (EDPR) e o Festival de Cans, é unha das iniciativas programadas para pór en valor este itinerario e os valores culturais e naturais que se atopan no seu percorrido, entre os que salienta a lingua.

Está destinado ao alumnado dos centros docentes da Consellería de Cultura, Educación e Universidade que impartan ensinanzas de educación secundaria (ESO, bacharelato, formación profesional básica e ciclos formativos de grao medio) e especiais de grao medio, sostidas con fondos públicos. Poderá participar con vídeos en galego de temática relacionada coa Senda Litoral de Galicia e dunha duración máxima de 5 min.

Establécese unha única categoría, con premios para as tres mellores curtas. A/O docente responsable dos vídeos que acaden o 1º, 2º e 3º galardóns recibirá unha certificación de Premio de Innovación Educativa, cunha equivalencia de 20 horas de formación permanente do profesorado.

O prazo para solicitar a participación rematará o 28 de febreiro e a data límite de envío dos vídeos será o 31 de marzo de 2022.

O concurso pretende acadar os seguintes obxectivos:

  • Pór en valor, promover e fomentar o coñecemento do patrimonio, a paisaxe, a natureza, as lendas, a gastronomía ou calquera outro activo do territorio polo que atravesa a Senda.

  • Dinamizar o uso da lingua galega entre o alumnado e entre a comunidade educativa.

  • Promover unha imaxe positiva e actual da lingua galega por medio da vinculación coas tecnoloxías da información e da comunicación.

  • Favorecer a presenza e o uso do galego en novos espazos e soportes.

  • Fomentar o galego oral, coa creación de novos ámbitos de uso frecuente que favorezan a utilización da lingua dentro e fóra das aulas.

  • Estimular a participación e o traballo conxunto entre o alumnado.