Galicia lidera o II encontro do grupo de traballo de investigación, educación, universidades e innovación da Macrorrexión do Suroeste Europeo-Crusoe

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, inaugurou hoxe o II encontro do grupo de traballo da Macrorrexión do Suroeste Europeo (RESOE) e a Conferencia de Reitores das Universidades e Institutos Politécnicos do Suroeste Europeo (CRUSOE)

Participaron representantes de Galicia, Castela e León, Asturias, Cantabria, e das Rexións Norte e Centro de Portugal

Na xornada expuxéronse os proxectos a desenvolver pola asociación CRUSOE e acordouse a celebración este ano en Aveiro da Asemblea Plenaria da organización, na que se incorporarán seis institutos politécnicos do centro de Portugal

Mér, 12/01/2022 - 14:16
c

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, participou hoxe xunto, o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, e a delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, na celebración do II encontro do grupo de traballo da Macrorrexión do Suroeste Europeo (Resoe) e a Conferencia de Reitores das Universidades e Institutos Politécnicos do Suroeste Europeo (Crusoe). No encontro participaron representantes das rexións que forman parte de RESOE, isto é, Galicia, Castela e León, Asturias, Cantabria e as rexións Norte e Centro de Portugal.

Na xornada informouse sobre os proxectos e actividades desenvolvidas por CRUSOE durante a pandemia do coronavirus así como as iniciativas que se desenvolverán durante 2022 e 2023. Das diferentes actuacións presentadas destacan o proxecto de Patrimonio Cultural Dixital, que ten como finalidade o fomento do uso das tecnoloxías avanzadas e metodoloxías para a xestión de datos para a súa dixitalización.

Desde a Xunta destacouse a labor que realiza Galicia liderando o grupo de traballo de RESOE no ámbito da investigación, educación, universidades e innovación e enfatizou a importancia da asociación CRUSOE na colaboración interuniversitaria para a realización de proxectos de desenvolvemento rexional.

Ao remate do encontro, acordouse a celebración da Asemblea Plenaria de CRUSOE este 2022 na localidade portuguesa de Aveiro, no marco da que se incorporarán a CRUSOE os seis institutos politécnicos da rexión Centro de Portugal.

Macrorrexión RESOE e a CRUSOE

A Macrorrexión de Rexións do Suroeste de Europa (RESOE) creada en 2010 é unha alianza estratéxica de cooperación interrexional dentro da Unión Europea que integra as comunidades españolas de Castela e León, Galicia, Asturias e Cantabria, así como as rexións Norte e Centro de Portugal. O seu obxectivo principal é promover a cohesión económica, social e territorial das súas rexións na base de recursos e intereses comúns.

A Conferencia de Reitores das Universidades e Institutos Politécnicos do Suroeste Europeo (CRUSOE) é unha asociación sen ánimo de lucro e de ámbito internacional, constituída polas Universidades de Galicia, Castela e León, Asturias, Cantabria, Rexión Norte e Rexión Centro de Portugal que opera desde 2011. Constituíuse como asociación en 2019 e defínese como unha rede interinstitucional cuxa misión é a de potenciar e mellorar a educación superior e o desenvolvemento territorial a través dunha serie de instrumentos como a cooperación interuniversitaria e institucional, ou o diálogo entre universidades e axentes sociais.