O Museo Pedagóxico reúne nunha exposición materiais escolares sobre o fenómeno Xacobeo desde 1881

A mostra ‘Santiago. Peregrinación, cidade, escola’ percorre 123 anos a través dunha escolma de recursos docentes empregados nas aulas desde a Restauración ata principios do S XXI

O centro museístico súmase así á conmemoración do Xacobeo 21-22

Dom, 09/01/2022 - 14:27

O Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA) vén de abrir as portas da exposición Santiago. Peregrinación, cidade, escola, un percorrido sobre o fenómeno xacobeo e Santiago de Compostela a través dunha escolma de materiais escolares e extraescolares que gardan algunha relación con esta temática.
Comisariada polo persoal do museo, a exposición reúne un total de 71 pezas comprendidas entre os anos 1881 e 2004 agrupadas en tres grandes temas que son Santiago o Maior e a iconografía xacobea, Santiago como meta de peregrinación e a cidade de Compostela.

O material exposto amosa que a figura do apóstolo Santiago está presente no eido educativo nos recursos que se empregaban na docencia, especialmente naqueles dedicados á lectura, ao longo de todo o século pasado tanto na Restauración como na república e na ditadura franquista.

O proxecto expositivo abrangue material escolar, fotografías, tarxetas postais e documentos gráficos de coleccións particulares e dos propios fondos do museo que exhiben, por unha banda, a presenza do fenómeno xacobeo na escola e, por outra, a pegada que deixaron as institucións educativas nos habitantes e na paisaxe da cidade.

A mostra pode visitarse no horario de apertura do museo: de martes a venres, de 10,00 a 15,00 e de 16,00 a 19,00 horas, e os sábados de 10,00 a 14,00 e de 16,00 a 20,00 horas. Con ela, o museo súmase ás celebracións do Xacobeo 2021-2022.