O Comité Educativo amósase partidario dunha desescalada simétrica e prudente no ensino

Aborda unha posible flexibilización do protocolo covid para os centros educativos, sempre respectando o marco establecido polas autoridades sanitarias

Trasladará unha proposta ao Comité Clínico para a súa avaliación

Lun, 25/10/2021 - 19:28

O Comité Educativo amósase partidario dunha desescalada simétrica e prudente no ensino acorde coa que se está dando no conxunto da sociedade logo de que Galicia abandonara a situación de emerxencia sanitaria. Isto é, que a desescalada que se está facendo efectiva na sociedade teña unha adaptación nos centros educativos, segundo expuxeron esta mañá os integrantes deste órgano asesor en materia educativa nunha xuntanza presidida polo conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez.

Así pois, dado que a progresiva normalización da situación sanitaria na sociedade en xeral ten o seu reflexo nas aulas, o Comité Educativo considera axeitado comezar a abordar unha posible flexibilización no protocolo covid escolar. En todo caso, o conselleiro subliñou que esa flexibilización deberá respectar o marco establecido polas autoridades sanitarias galegas, así como na Declaración de Actuacións Coordinadas (DAC) entre os ministerios de Sanidade e Educación e as comunidades autónomas.

Os integrantes do Comité Educativo coincidiron en que esta apertura tería un “impacto positivo” para o conxunto da comunidade educativa polo que deberían terse en conta á hora dunha modificación do protocolo, sempre co aval do Comité Clínico, a quen se trasladará unha proposta para a súa avaliación.