A Xunta achega máis de 8M€ á Universidade de Vigo para reforzar as súas estruturas de investigación e consolidar os procesos de dixitalización

O conselleiro Román Rodríguez e o reitor da UVigo, Manuel Reigosa, asinan dous convenios para programas científicos e a captación de talento investigador nos centros dependentes da universidade así como para o desenvolvemento de accións estratéxicas de I+D+i

O titular de Educación salienta o compromiso do Goberno galego coa modernización e a calidade do sistema público universitario, sobre todo coa habilitación de 10M€ de recursos adicionais para que as tres universidades públicas galegas afiancen os cambios tecnolóxicos implementados a raíz da pandemia

Ven, 24/09/2021 - 13:27
uvigo

O Goberno galego inxecta algo máis de 8M€ na Universidade de Vigo (UVigo) co fin de reforzar as estruturas e os programas de investigación avanzada así como para consolidar o proceso de dixitalización impulsado a raíz da pandemia. Esta dotación orzamentaria quedou formalizada esta mañá a través da sinatura de dous convenios de colaboración para tal fin entre o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e o reitor da UVigo, Manuel Reigosa, nun acto ao que tamén asistiu a delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias.

O conselleiro Román Rodríguez destacou o compromiso da Xunta coa modernización e a innovación do sistema universitario público galego, cun apoio financeiro de 9,3M€ en materia de investigación para as tres universidades galegas (4,8M€ para a UVigo), e outra segunda liña -dotada de 10M€ dos cales 3,1 se formalizan hoxe coa UVigo- específica en materia de dixitalización.

Respecto a esta última acción, como sinalou o conselleiro, o obxectivo é “consolidar os cambios de transformación dixital” que se iniciaron no pasado curso co fin de asegurar a calidade da docencia e o cumprimento dos protocolos. “Agora toca reforzar estes procesos de dixitalización e innovación e desde a Xunta de Galicia estamos a carón das universidades cunha partida global de 10M€ para consolidar este camiño”, explicou.

Apoio á investigación

No que atinxe ás accións estratéxicas de I+D+i, o departamento de Educación do Goberno Galego destina un total de 4,8M€ á captación de talento e apoio aos centros da UVigo acreditados como Centros de Investigación do Sistema Universitario de Galicia (CIGUS). Isto abrangue cuestións como a contratación de investigadores para o CIM (Centro de Investigación Mariña), para o CINBIO (Centro de Investigacións Biomédicas) e para a agrupación estratéxica ECOBAS (Economics and Business Administration for Society).

Con cargo a este acordo tamén se verán reforzadas as estruturas de xestión dos tres campus de especialización (Campus Auga en Ourense, Campus CREA en Pontevedra e Vigo Tecnolóxico), as agrupacións estratéxicas ECOBAS (Economics and Business Administration for Society) e CITACA (Clúster de Investigación e Transferencia Agroalimentaria do Campus da Auga) e o apoio ao xurdimento do CINTECX (Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais).

Este acordo inclúe tamén accións varias con foco específico na calidade da docencia, como as dirixidas a potenciar os másteres para acadar o selo de excelencia; así como outras de alto impacto e interese na I+D+i, como o apoio na avaliación quinquenal do selo HR Excellence in Research.

Reforzo da dixitalización

O outro convenio asinado hoxe, dotado con 3.160.000€, está centrado na adopción de medidas de dixitalización e innovación neste curso, nun escenario de transición cara a fin da pandemia. Ao abeiro deste convenio, a UVigo porá en marcha liñas prioritarias de actuación no que atinxe á administración electrónica, á renovación tecnolóxica dos servizos de información e a investimentos en infraestruturas innovadoras.
Cómpre ter en conta que o proceso de paso da docencia en modalidade presencial á docencia semipresencial e virtual supuxo unha reformulación fonda da docencia que precisa novas metodoloxías, deseño de sistemas de avaliación, titorización e a modificación dos sistemas para a ordenación docente adaptadas á modalidade virtual e semipresencialidade.

Precisamente para dar resposta a este reto, ao abeiro deste convenio, a UVigo poderá financiar ferramentas de administración electrónica relativas á trámites de xestión universitaria (matrícula, recoñecemento de créditos, emisión de certificados e títulos universitarios), así como investir en infraestruturas innovadoras de xeito que os espazos docentes se adecúen aos parámetros de innovación e dixitalización necesarios.

Canto á administración electrónica, optimizarase a xestión dos recursos humanos e as aplicacións económicas (xestión de nóminas, de pedido...), así como o soporte e mantemento de programas informáticos, equipos, redes e centros de procesamento de datos (CPDs).

Melloraráse tamén servizos multimedia da universidade como a plataforma CampusRemoto, a UvigoTv, plataformas de e-learning e cuestións relativas á protección de datos, os dereitos de autor ou o traballo técnico para a instalación e configuración de equipos informáticos, entre outros.