Diego Rodríguez Carril, do colexio CPR Plurilingüe Padre Feijoo Zorelle, de Ourense, gañador en Galicia do concurso ‘Que é un rei para ti?’

Asistirá a unha audiencia con Felipe VI e realizará unha visita ao Palacio Real

Á fase autonómica do certame concorreron 1.204 traballos de 117 centros educativos

Ven, 17/09/2021 - 14:01

O director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez Bértolo, xunto co presidente da Fundación Institucional Española (FIES), Rafael Guardans Cambó, e o director territorial de Relacións Institucionais de Orange España, Óscar Aragón Fernández, participou hoxe no acto no que se deu a coñecer o nome do gañador da fase autonómica do concurso Que é un rei para ti.
Diego Rodríguez Carril, do colexio CPR Plurilingüe Padre Feijoo Zorelle de Ourense, proclamouse vencedor en Galicia deste certame, promovido por FIES e Fundación Orange, entre os 40 traballos finalistas que se expuxeron esta mañá no acto celebrado na Escola Galega de Administración Pública. En total tomaron parte do concurso na nosa Comunidade 1.204 traballos realizados procedentes de 117 centros educativos.

O alumno gañador asistirá, xunto co resto de representantes doutras comunidades autónomas, a unha audiencia co rei Felipe VI e realizará unha visita ao Palacio Real.

40ª edición

O obxectivo do concurso é fomentar nos nenos e nenas de 8 a 13 anos unha primeira toma de contacto coa figura do monarca, coa historia da Coroa e o seu papel na sociedade actual. Pode participar nel todo o alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º de Educación Primaria, e de 1º e 2º de Educación Secundaria Obrigatoria (alumnado de 8 a 13 anos).

O acto desta 40ª edición é o primeiro en relación a este certame que se realiza de forma presencial no marco da pandemia. Nel, incluíuse a exposición dos 40 traballos finalistas, que amosan mediante a imaxinación, a creatividade, o talento e o esforzo, a particular visión do alumnado arredor da figura do monarca.