A Xunta concede a mención de excelencia a tres novos máster universitarios, polo que xa son seis as titulacións con este selo de calidade

Trátase das titulacións en Bioinformática para Ciencias da Saúde da Universidade da Coruña, en Tradución para a Comunicación Internacional da Universidade de Vigo, e en Biotecnoloxía Avanzada, que se imparte conxuntamente entre a UDC e a UVigo

O Goberno galego implantou o ano pasado este selo de calidade, pioneiro no Estado, coa que contarán o vindeiro curso un total de seis máster

Ven, 13/08/2021 - 11:19

A Xunta de Galicia vén de outorgar a mención de excelencia a tres novos máster universitarios, polo que xa son seis as titulacións que acadan este selo de calidade nas tres universidades do Sistema Universitario de Galicia (SUG).

Así pois, incorporan esta distinción os máster en Bioinformática para Ciencias da Saúde da Universidade da Coruña, en Tradución para a Comunicación Internacional da Universidade de Vigo e en Biotecnoloxía Avanzada, que se imparte conxuntamente entre a UDC e a UVigo, tal e como establece a resolución publicada no Diario Oficial de Galicia.

Estas titulacións sumánse aos Máster Universitario en Bioloxía Molecular, Celular e Xenética, e o Máster Universitario en Enxeñería Informática (UDC); e ao Máster Universitario en Enxeñería Ambiental (USC), que o curso pasado inauguraron esta mención de calidade pioneira no conxunto do estado.

A mención de Máster Universitario Excelente da Xunta de Galicia, impulsada pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade, acredita, por unha banda, o nivel académico e a solvencia científico-técnica dos estudos que acadan este recoñecemento; e, doutra banda, tamén supón unha garantía de futuro para os estudantes.

Ademais, a obtención deste selo, que ten unha vixencia de cinco anos, permite ás titulacións seleccionadas participar do apoio económico contemplado nas accións de mellora da calidade do Plan Galego de Financiamento Universitario que, para este ano, prevé unha achega de 20.000 euros por cada unha delas.

Estas mencións outórganse logo de analizar e revisar toda a documentación acreditativa enviada polas universidades. Para a concesión do selo tivéronse en conta os criterios de avaliación establecidos, que inclúen aspectos xerais do máster como a taxa de ocupación, entidades públicas e privadas que colaboren directamente co máster, procedemento de selección do alumnado, porcentaxe de alumnado estranxeiro e a existencia de titorización e mentorización individuais.

Outros aspectos que se tiveron en conta foi os resultados do máster (enquisas de satisfacción, seguimento dos esgresados no mercado laboral,...), a estratexia (visión, misión e desenvolvemento futuro do máster, o plan de xestión para os cinco próximos anos académicos e as melloras previstas en caso de obter esta mención, o plan de estudos (porcentaxe de prácticas no plan de estudos, créditos dedicados a prácticas obrigatorias en empresas, emprego de metodoloxías docentes innovadoras), o profesorado, ou as estratexias de emprendemento.