A Xunta reforza a oferta de FP nos réximes ordinario e de adultos con 47 ciclos e 1.364 prazas novas ao abeiro da creación de tres novos centros integrados

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a relación de ciclos onde se poderá solicitar praza a partir do 25 de xuño

Os novos CIFP, en Culleredo, Ferrol e Pontedeume, suman sete novos ciclos e 262 prazas, reforzando a especialización da súa oferta

Tres ciclos poderán cursarse por primeira vez en Galicia: o básico en Acceso e conservación en instalacións deportivas, o medio en Guía no medio natural e de tempo libre e o superior en Organización e control de obras de construción

Pártese dun proceso de diálogo coa comunidade educativa na que se analizou a demanda do alumnado, a inserción laboral e as necesidades do tecido produtivo

A oferta de Dual e os másteres de FP publicaranse nas próximas semanas

Lun, 07/06/2021 - 15:34

A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a oferta de ciclos de Formación Profesional nos réximes ordinario e modular para persoas adultas –presencial e a distancia– para o curso 2021/2022, que inclúe 47 ciclos e 1.364 prazas novas nas catro provincias o que, en balance respecto da oferta do ano pasado e tendo en conta todas as modificacións que se producen, supón un incremento de recolle un incremento de 1.052 prazas nos centros públicos nestes réximes e modalidades.

Este incremento é posible ao abeiro da creación de tres novos centros integrados –CIFP Universidade Laboral, de Culleredo, CIFP Leixa, en Ferrol, e CIFP Fraga do Eume, en Pontedeume– e do reforzo das prazas a distancia para facilitar que as persoas traballadoras melloren a súa cualificación profesional.

De feito, os tres novos CIFP concentran un incremento de sete novos ciclos e 262 prazas, reforzando a especialización da súa oferta, e na FP a distancia o incremento é de 12 ciclos e 600 prazas. A oferta de ciclos na modalidade de Dual e dos novos másteres de FP publicarase nas próximas semanas.

Ademais, tres ciclos poderán cursarse por primeira vez en Galicia: o básico en Acceso e conservación en instalacións deportivas, o medio en Guía no medio natural e de tempo libre e o superior en Organización e control de obras de construción

Deste xeito, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade oferta nos réximes ordinario e modular para adultos nos centros públicos 29.950 prazas en primeiro curso en centros públicos (en números moi similares ao curso anterior), en 1.163 ciclos e programas formativos autorizados. Delas, 21.912 forman parte do réxime ordinario 8.402 en grao medio, 9.370 en grao superior, 3.600 en FP Básica e 540 en programas formativos para persoas con necesidades específicas de atención educativa–, mentres que outras 4.388 son do réxime modular para persoas adultas 2.156 grao medio e 2.232 en grao superior–, e 3.650 do réxime modular a distancia 1.150 en grao medio e 2.500 en grao superior–.

A modificación da oferta nace dun proceso de diálogo coa comunidade educativa, no que as peticións foron analizadas pola Inspección educativa dos centros, tendo en conta a oferta global de Galicia en cada ciclo, a demanda do alumnado, a inserción de cada ciclo e as necesidades do tecido produtivo.

Nova implantación

No referido aos tres ciclos de nova implantación, o de grao básico en Acceso e conservación en instalacións deportivas será este curso de oferta exclusiva no novo CIFP Universidade Laboral de Culleredo. Deste xeito, e xunto coa oferta do novo ciclo en Guía no medio natural e de tempo libre, contribúese a reforzar a especialización deste centro na familia profesional de Actividades Físicas e Deportivas, da que imparte case a totalidade dos ciclos implantados en Galicia.

As persoas que obteñan este título, da familia profesional de Actividades Físicas e Deportivas, poderán traballar como acompañantes de usuarios, auxiliares de control, servizos xerais ou mantemento en instalacións deportivas, clasificadores ou repartidores de correspondencia conserxes de colexios ou instalacións deportivas, subalternos, ordenanzas ou taquilleiros, entre outros labores.

No caso de grao medio de Guía no medio natural e de tempo libre, as persoas que obteñan este título –tamén da familia profesional de Actividades Físicas e Deportivas –poderán traballar deseñando itinerarios ecuestres e de bicicleta, organizando actividades físico-deportivas recreativas guiadas no medio natural ou como encargadas de prevención e seguridade en rutas e eventos en bicicleta e ecuestres. Así mesmo, poderán exercer como guías en actividades de sendeirismo, barranquismo e espeleoloxía de baixa dificultade, cicloturismo, bicicleta de montaña, itinerarios a cabalo ou en embarcacións de recreo; así como monitor de campamentos, instalacións de ocio e aventura e de actividades escolares e socorrista. Este ciclo poderá cursarse nos institutos de Porto do Son, de Sabón (Arteixo), de Poio, Plurilingüe Pintor Colmeiro (Silleda), Plurilingüe Terra de Turonio (Gondomar) e no CIFP Universidade Laboral de Culleredo.

Pola súa banda, o ciclo de grao superior en Organización e control de obras de construción será de oferta exclusiva no CIFP Someso (A Coruña), no réxime modular para adultos a distancia. Deste xeito, contribúese a reforzar a especialización deste centro na familia profesional de Edificación e Obra Civil, da que imparte case a totalidade dos ciclos implantados en Galicia.

O alumnado que obteña este título poderán traballar como encargados e xefes de equipo en obras estruturais da construción, de obra de edificación en xeral ou de obras de rehabilitación e reforma en edificación, ou como xefes ou encargados de traballadores de acabado de edificios. Así mesmo, poderán exercer como capataces na construción de edificios, encargados de obra civil, movemento de terras, de firmes e pavimentos ou de conducións e canalizacións; como especialistas en replanteos, técnicos de control documental ou axudantes de xefe de Oficina Técnica, de planificadores ou de técnicos de control de custes.

Modificacións

Ademais destas titulacións de nova implantación, como é habitual a oferta de FP flutúa para adaptarse ás necesidades do tecido produtivo e ás características da poboación de cada zona, o que supón unha oportunidade laboral para os titulados. Deste xeito, o novo mapa contempla cambios en diferentes centros, a maiores das novas incorporacións en materia de FP Dual.

En calquera caso, no balance do réxime ordinario, a oferta de FP Básica gaña cinco ciclos e 90 prazas e a de grao superior gaña nove ciclos e 262 prazas. Pola contra, en grao medio diminúe en tres o número de ciclos e en 84 o número de prazas, polos axustes derivados da demanda do alumnado. No caso do réxime modular para adultos, en grao medio a oferta gaña dous ciclos e 72 prazas e en grao superior 18 ciclos e 712 prazas.

Calendario de admisión

O prazo de presentación de solicitudes nos réximes ordinario e para as persoas adultas –presencial e a distancia– comezará o 25 de xuño ás 9 h. e prolongarase ata o 5 de xullo ás 13 h. A matriculación da primeira adxudicación de prazas comezará o 20 de xullo ás 9 h., ata o 26 de xullo ás 13 h. A continuación, unha vez se comproben as prazas que quedaron vacantes, procederase á segunda adxudicación de prazas, cuxo período de matrícula irá do 28 de xullo ás 9 h. ao 30 de xullo ás 13 h.

Canto á FP Dual, a presentación de solicitudes será entre o 25 de xuño ás 9 h. e o 2 de xullo ás 13 h. O período de selección por parte da empresa colaboradora e do centro educativo irá do 8 ao 14 de xullo, e as persoas finalmente seleccionadas poderán matricularse do 16 de xullo ás 9 h. ao 23 de xullo ás 13 h.

No caso dos másteres de FP, o prazo de presentación de solicitudes irá do 25 de xuño ás 9 h. ao 5 de xullo ás 13 h., e o de matriculación do 20 de xullo ás 9 h. ao 26 de xullo ás 13 h. O calendario detallado pode consultarse no Portal de FP.