A Xunta e a Fundación Alcohol y Sociedad colaboran para a prevención do consumo entre o alumnado de secundaria

Desenvolverase un proxecto piloto con centros educativos de Santiago, coa previsión de amplialo durante catro cursos ao resto de Galicia

O programa conta con formación para docentes, alumnos e familias, a través de tres iniciativas con recursos e información científica e rigorosa

Dom, 02/05/2021 - 12:04
 O conselleiro e o director da entidade asinan un convenio
O conselleiro e o director da entidade asinan un convenio

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e o director da Fundación Alcohol y Sociedad, Bosco Torremocha, veñen de asinar un convenio de colaboración para a prevención do consumo de alcohol entre o alumnado de secundaria. No acto participou tamén a directora de Relacións Institucionais desta entidade, Silvia Jato.

Ao abeiro deste acordo desenvolverase un proxecto piloto en institutos de Santiago de Compostela, para o que a Fundación porá a disposición do departamento educativo da Xunta de Galicia a súa experiencia, recursos humanos e materiais, así como a formación para el profesorado que sexa precisa para a realización das actividades propostas. Tal e como explicou o conselleiro, o convenio comezará a aplicarse no presente curso 2020/2021, coa previsión de amplialo durante catro cursos ao resto de Galicia.

O conselleiro salientou que “a difusión de hábitos de vida saudables entre os máis novos é unha das liñas transversais de actuación do departamento educativo do Goberno galego” e sinalou que a sinatura deste acordo de colaboración “abre unha nova oportunidade de seguir avanzando na consecución de obxectivos neste ámbito”.

Pola súa parte director da Fundación Alcohol y Sociedad indicou que “para nós é unha gran noticia poder iniciar as nosas formacións e programas en Galicia, sobre todo contando co respaldo da Xunta de Galicia, con quen compartimos o obxectivo de evitar en todo momento o consumo de alcohol en menores de idade, en especial a través da educación, que é a mellor ferramenta de prevención.”

Menores nin unha Gota

En concreto, a colaboración consistirá no desenvolvemento nos centros educativos da oferta educativa Menores nin unha Gota, composta por tres subprogramas, cada un deles dirixido a un público concreto e cunha metodoloxía específica.

O primeiro destes subprogramas, chamado tamén Menores nin unha Gota, baséase en formacións presenciais ou en liña impartidas por monitores expertos en ciencias sociais, que ofrecen aos rapaces información científica e rigorosa sobre o consumo de alcohol e as consecuencias negativas de iniciarse no seu consumo sendo menor de idade. As actividades están dirixidas e adaptadas a alumnos de ESO, Bacharelato e FP, de entre 12 e 18 anos.

O segundo deles, As Caras do Alcohol, está dirixido a alumnos de entre 11 e 16 anos (1º a 4º de ESO), as súas familias e profesorado e céntrase nos estudantes que en pasados cursos desenvolveron o primeiro subprograma. A través do web da iniciativa os profesores acceden á información e aos exercicios, divididos por bloques temáticos, así como a unha sección onde obter respostas e asistencia diante de dúbidas.

A importancia das familias

O terceiro dos subprogramas está centrado no traballo educativo coas familias, ofrecéndolles ferramentas para facilitar o tratamento de situacións cotiás relacionadas coa educación dos seus fillos, así como unha información rigorosa sobre o alcohol e a adolescencia, facilitando a comunicación cos fillos.

O obxectivo deste conxunto de accións é concienciar aos adolescentes e ás súas familias sobre as consecuencias negativas que ten o alcohol nos menores de idade, evitando o inicio do seu consumo entre os rapaces, unha tarefa na que é fundamental o labor das familias.

O programa Menores nin unha Gota naceu no ano 2000 e tense desenvolvido en comunidades como a de Madrid, Andalucía, Cataluña, Cantabria e Extremadura, onde se ten formado a máis de dous millóns e medio de menores. A iniciativa é auditada anualmente polos centros participantes e polo Instituto Deusto de Drogodependencias, que conclúe que sete de cada dez menores formados con este programa melloran a súa relación co alcohol retrasando a súa idade de inicio ao consumo ou deixando de beber se xa se iniciaron.