O conselleiro de Educación visita as instalacións do novo ciclo de Eficiencia Enerxética e Enerxía Solar térmica no CIFP A Farixa

A Consellería vén de realizar investimentos por valor de case 60.000 euros neste centro co fin de preparalo para o curso académico 2011/2012

Lun, 17/10/2011 - 20:01

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, visitou hoxe as instalacións do novo ciclo de Eficiencia Enerxética e Enerxía Solar Térmica implantado este ano no Centro Integrado de Formación Profesional A Farixa – Ourense-. Ademais, Vázquez Abad percorreu o departamento de Construción e as 4 aulas de teoría para o ciclo de Técnico en Actividades Físico-Deportivas, espazos que veñen tamén de ser adecuados para a impartición destas ensinanzas de Formación Profesional.

Neste percorrido, Vázquez Abad estivo acompañado polo delegado da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez; o director xeral de Educación, FP e Innovación Educativa, Jose Luis Mira;  a xefa territorial de Educación na provincia, Marisol Díaz Mouteira; e o director do centro, José Miguel Reza.

O conselleiro de Educación aproveitou esta visita para renovar o seu compromiso con este centro, no que se veñen de investir case 60.000 en melloras para poñelo a punto para o novo curso académico. Grazas a esta achega, dotouse ao CIFP de 30 ordenadores e de todo o equipamento de rede que levan consigo, ademais de mesas e cadeiras específicas para estes equipos informáticos, 8 proxectores e 8 pantallas eléctricas de proxección.

Así mesmo realizáronse melloras nas instalacións deportivas do centro, tales como a construción dun almacén anexo ao pavillón de deportes, o pintado das pistas interiores e exteriores do campo de deportes e do pavillón, a colocación de 4 canastras no campo de deporte, e a instalación de armarios e biombos nos despachos e aseos dos profesores de educación física.

Doutra banda, revisouse por completo a instalación eléctrica completa - que quedou adaptada ao novo regulamento de baixa tensión- pintáronse 4 aulas, os aseos do recibidor do pavillón de deportes, e cambiáronse os carteis de sinalización do CIFP, de acordo co establecido pola Xunta para estes centros integrados.

FP e empresa

Tras dar conta das novas instalacións, Vázquez Abad participou na xornada ‘FP e Empresa’, impulsada pola Consellería, e na que participaron o presidente da Confederación de Empresarios de Ourense, Francisco Rodríguez García; e o presidente da Cámara de Comercio de Ourense, Celso Manuel Barbosa Rodríguez; xunto ao director xeral de Educación, FP e Innovación Educativa.

A xornada enmarcouse na estratexia de impulso da FP que está a desenvolver o departamento educativo da Xunta de Galicia, e nela afondouse en aspectos clave destas ensinanzas como son o emprendemento e a relación entre empresa e FP. Ademais, abordouse o recoñecemento, avaliación e acreditación de competencias, a formación en centros de traballo e os novos currículos de ciclos formativos , dos que a Consellería de Educación leva un total de 41 adaptados á LOE.