A Xunta convoca a proba para que os maiores de 20 anos obteñan o título de Bacharelato

O prazo de inscrición estará comprendido entre o 3 e o 10 de marzo de 2021
Mér, 24/02/2021 - 12:54

A Xunta de Galicia publica no Diario de Galicia a convocatoria da proba para que as persoas maiores de 20 anos obteñan o título de Bacharelato na modalidade de Ciencias e nos dous itinerarios da modalidade de Humanidades e Ciencias Sociais. O obxectivo é que as persoas que non obtiveron esta cualificación a través das ensinanzas reguladas poidan contar con este título a través da participación nunha proba libre.

Como recursos didácticos de apoio para preparar os exames, a Consellería de Cultura Educación e Universidade ofrece de forma libre e gratuíta as guías do alumnado de bacharelato semipresencial (LOMCE) no Portal Educativo.

Para poder participar nestas probas as persoas candidatas deberán ter 20 anos cumpridos ou cumprilos dentro do ano 2021 e non dispoñer deste título ou equivalente nin atoparse cursando ensinanzas de Bacharelato en ningún dos réximes (presencial, semipresencial ou a distancia) neste curso.

O prazo de presentación das solicitudes estará comprendido entre o 3 e o 10 de marzo de 2021. O exame celebrarase o vindeiro 23 de abril no IES San Clemente de Santiago de Compostela.

As solicitudes deberán presentarse en soporte papel ou utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Os centros nos que se poderá facer a inscrición son o Centro de Educación para Adultos (EPA) Eduardo Pondal (A Coruña), o IES San Clemente (Santiago de Compostela), o Centro EPA Albeiros (Lugo), o Centro EPA de Ourense, o Centro EPA Río Lérez (Pontevedra) e o Centro EPA Berbés (Vigo).

As persoas interesadas poderán matricularse dos dous exercicios que integran o exame ou dun deles. A proba convócase para as modalidades de Ciencias e de Humanidades e Ciencias Sociais. En calquera caso, poderanse inscribir na proba e titular pola modalidade de Artes, as persoas que estean en condicións de validar o segundo exercicio conforme ao establecido na convocatoria.

Características da proba

A proba organizarase de xeito diferenciado segundo as modalidades de Ciencias e Humanidades e Ciencias Sociais. En calquera dos casos, constará de dous exercicios.

O primeiro exercicio, común ás distintas modalidades, corresponde ás materias de Lingua Galega e Literatura I e II, Lingua Castelá e Literatura I e II, Primeira Lingua Estranxeira I e II (inglés ou francés) e unha proba combinada das materias de Filosofía e Historia de España.

O segundo exercicio, diferente para cada modalidade, divídese en tres partes. As persoas que opten pola modalidade de Ciencias realizarán a primeira parte da proba nas materias Matemáticas I e II e escollerán na segunda entre Física e Química e Física, Física e Química e Química ou Debuxo Técnico I e II. Na terceira parte deberán escoller entre Bioloxía e Xeoloxía e Bioloxía ou Bioloxía e Xeoloxía e Xeoloxía.

No caso dos aspirantes na modalidade de Humanidades e Ciencias Sociais, a primeira parte constará das probas de Latín I e II (itinerario de Humanidades) ou Matemáticas Aplicadas ás Ciencias Sociais I e II (itinerario de Ciencias Sociais); mentres que na segunda parte deberán escoller entre Historia do Mundo Contemporáneo e Xeografía, Economía e Economía da Empresa ou Grego I e II. Na terceira parte realizarán a proba correspondente ás materias de Literatura Universal e Historia da Filosofía.