Xunta e Aspace renovan a súa colaboración para mellorar a atención ao alumnado con parálise cerebral

O conselleiro Román Rodríguez e mailo presidente da Asociación de Pais de Persoas con Parálise Cerebral da A Coruña, Antolín M. Rodríguez, asinaron o convenio para deseñar accións específicas para este colectivo

A prioridade é avanzar nun ensino inclusivo, para o cal a Xunta conta cunha rede de preto de 4.000 profesionais dedicados á atención á diversidade

Xov, 18/02/2021 - 16:34

A Xunta de Galicia e a Asociación de Pais de Persoas con Parálise Cerebral (ASPACE) de A Coruña renovan o acordo de colaboración acadado hai catro anos para continuar co desenvolvemento conxunto de iniciativas encamiñadas á mellora da atención educativa ao alumnado con parálise cerebral.

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e mailo presidente de ASPACE-A Coruña, Antolín M. Rodríguez, asinaron hoxe o convenio que dá continuidade ao primeiro acordo deste tipo asinado en 2017, e que naceu co fin de atender ao alumnado con esta necesidade específica, aproveitando precisamente a experiencia desta entidade en prol da integración desta persoas.

Formación e sensibilización

Ao abeiro deste acordo, a Xunta seguirá promovendo a participación de ASPACE na formación permanente do profesorado. Ademais, ambas as dúas entidades continuarán colaborando na sensibilización e difusión de materiais e documentos que permitan un maior coñecemento das circunstancias específicas asociadas ao alumnado con parálise cerebral.

Por outra banda, contémplase a posibilidade de que o persoal de ASPACE preste o seu asesoramento na atención educativa ao alumnado con esta necesidade específica escolarizado nos centros dependentes da Consellería de Educación, así como na información ás familias e aos docentes. Así mesmo, poderán participar na orientación sobre metodoloxías de intervención educativa, a avaliación destes escolares e sobre as adaptacións curriculares que se estimen oportunas. En calquera caso, será o propio centro escolar quen solicite a axuda do persoal de ASPACE, e o profesorado titor ou designado quen coordine as diferentes actuacións que se desenvolvan.

Á cabeza en ensino inclusivo

Coa subscrición deste acordo, o departamento educativo da Xunta de Galicia continúa avanzando nunha das súas liñas prioritarias de actuación: a de promover un ensino o máis inclusivo posible. Non en balde, Galicia é a comunidade autónoma cunha maior porcentaxe (o 93%) de integración deste alumnado no sistema educativo ordinario.

O acordo enmárcase dentro das liñas de colaboración e coordinación que se vén facendo desde a Consellería cunha trintena de entidades e colectivos especializados nos ámbitos da integración de nenos con determinadas condicións, ou da atención ás discapacidades físicas e psíquicas.

Ademais, no presente curso Galicia conta cunha ampla rede de preto de 4.000 profesionais (entre especialistas en Pedagoxía Terapéutica e en Audición e Linguaxe, orientadores, coidadores e especialistas en linguaxe de signos e de atención a nenos con discapacidade visual) dedicados á atención á diversidade nos centros escolares galegos, o que supón un incremento deste persoal en máis dun 22% con respecto aos 3.225 que había no curso 2013-2014.