O Comité Educativo avalía as medidas do Plan de benestar emocional para o ensino que será presentado a vindeira semana

O obxectivo é acompañar a alumnado e profesorado neste ámbito, dado que se pode ver afectado polos cambios que a pandemia trouxo consigo

O conselleiro informou do envío inmediato de 13M€ aos centros como anticipo de gastos de funcionamento, así como da extensión do E-Dixgal a 3º e 4º de ESO

Ven, 12/02/2021 - 13:52

O Comité Educativo deu hoxe luz verde ao Plan de Benestar Emocional que a Xunta de Galicia vai impulsar en beneficio da comunidade escolar. O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, explicou que ten por obxectivo dotar a alumnos, docentes e o resto de persoal de ferramentas e recursos necesarios para afrontar da mellor maneira posible situacións derivadas da pandemia.

Os especialistas coinciden na posible afectación tras un ano no actual contexto sanitario. Por iso, a vindeira semana presentarase o Plan de Benestar Emocional, que reforzará as capacidades para facer fronte ás adversidades e saír fortalecido delas, desenvolvendo competencias sociais e emocionais e impulsando outros elementos como a autoestima, a capacidade para buscar axuda ou a intelixencia interpersoal.

Descenso dun 30% dos casos

O Comité Educativo serviu tamén para facer un repaso da evolución da afectación da covid no ensino. Como explicou o conselleiro, nos últimos dez días consolidouse a tendencia descendente. En concreto, rexístrase unha baixada dos positivos de máis do 30% con respecto ao pico rexistrado tras as vacacións de Nadal. A pesares disto, o conselleiro instou a non baixar a garda, especialmente nos días non lectivos do Entroido, e a seguir traballando como até o de agora, aplicando os protocolos e seguindo as recomendacións para continuar esta senda descendente.

Román Rodríguez informou ao Comité Educativo dalgúns dos temas abordados na última reunión da Xunta Autonómica de Directores. Entre eles, o anticipo dos gastos de funcionamento do ano 2021, unha partida de 13M€ que busca dotalos de liquidez neste curso excepcional. As achegas irán desde os 1.000 euros ata os 60.000 euros e está previsto que o ingreso se formalice na totalidade dos centros a semana que vén. Así mesmo, avanzou a próxima convocatoria de Edixgal, que se ampliará a 3º e 4º da ESO, e abordouse a vixencia dos libros de texto tras a aprobación da Lomloe.