A Xunta investirá máis de 1 M€ na rehabilitación do Conservatorio Superior de Música de Vigo

A redacción do proxecto de actuación xa está encargado co obxectivo de que as obras poidan iniciarse este mesmo ano

Esta actuación vén a reforzar o compromiso do Goberno galego con Vigo, a cidade con maior investimento en infraestruturas educativas, preto de 24M€ desde 2009

Mér, 10/02/2021 - 12:42
CMUS Vigo

A Xunta de Galicia investirá máis de 1M€ na rehabilitación do Conservatorio Superior de Música de Vigo. Así o comunicaron o secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, Manuel Vila, e a delegada da Xunta, Marta Fernández-Tapias, nunha reunión co director do centro. A redacción do proxecto de actuación xa está encargado, polo que as obras poderían licitarse antes de verán e iniciarse antes de fin de ano.

“Tíñamos que acometer estas obras de forma urxente, era unha intervención que no podía demorarse máis no tempo”, sinalou durante a visita o centro a delegada territorial. A este respecto, Fernández-Tapias asegurou que esta actuación se marcou prioritaria no deseño dos orzamentos da Consellería de Cultura, Educación e Universidade para este ano, ao tempo que defendeu que o proxecto cun custe de máis de 1 millón de euros suporá unha importante reforma integral.

O programa da rehabilitación prevé actuacións sobre os tres edificios do Conservatorio. No edificio 1, unha antiga vivenda unifamiliar adaptada para o uso como centro educativo, acometerase unha intervención xeral con mellora da envolvente térmica e impermeabilización das fachadas, nova impermeabilización e illamento das cubertas, substitución de carpintería exterior e revisión do saneamento.

No edificio 2, de aulario e auditorio, tamén se revisará o saneamento e realizarase nova impermeabilización e illamento das cubertas. Finalmente, renovarase o sistema de calefacción nos tres edificios. Esta actuación vén reforzar o compromiso do Goberno galego con Vigo, a cidade con maior investimento en infraestruturas educativas, 24M€ desde 2009.